Comunicado da CUT sobre a Mina de Touro – O Pino

602

A finais dos anos 80 pechábase a mina de cobre de Touro cuxa actividade durara uns 15 anos. Este proxecto mineiro volve estar de actualidade debido á intención da empresa “Atalaya Mining” de reabrila. A firma, que logrou reabrir a Mina de Riotinto en Huelva recentemente, forma parte da multinacional suíza Trafigura especializada na extracción de materias primas. Para lograr este obxectivo conta coa colaboración de “Explotaciones Gallegas”, actual propietaria dos terreos. O proxecto de reapertura está a recibir as negativas de gran parte da veciñanza.

Este proxecto trataríase dunha mina a ceo aberto que prevé ocupar unha superficie de 122 quilómetros cadrados. Abranguería boa parte do Concello de Touro e O Pino, e se estendería até a periferia do propio Concello de Compostela, ao que se aproximaría até unha distancia de 15 quilómetros ficando unicamente a 2 do Camiño Francés. A mina precisaría da construción de varias balsas de estériles nas que se acumularían as substancias residuais do proceso de extracción e refino do cobre, deixando a poboacións enteiras en grave risco. Este é o caso de Arinteiro, un núcleo residencial que ficaría rodeado por dúas destas balsas.

Os danos ambientais, ademais de supoñer un risco para a saúde das habitantes da zona,
suporían a contaminación de acuíferos, a desaparición de regatos e o risco de contaminación do Río Ulla. Suporían a desaparición de ata 20 mananciais e cinco depósitos de auga na zona de “A Reigada” que abastecen de auga a non menos de 100 de vivendas e explotacións gandeiras en Loxo, Arinteiro, Bravos, Casas Novas, Cotiño, Goleta, Torreis de arriba, ademais da propia traída municipal do Concello de Touro.

Esta mesma preocupación é compartida por algunhas confrarías de mariñeiros/as e mariscadores/as da Ría de Arousa, que teñen expresado a súa oposición ao proxecto por temor a que estas consecuencias rematasen por afectar á desembocadura do Ulla.

A Central Unitaria de Traballadores/as quere expresar a súa solidariedade coas veciñas e veciños dos concellos afectados, así como o seu apoio á Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, sumándose ás súas reclamacións polos seguintes motivos:

– Unha previsible perda de biodiversidade da zona, como por exemplo a ameaza que
supón ao Salmón do Ulla por mor dos vertidos.
– A perda de postos de emprego, por mor da súa afectación ao sector agro-gandeiro nunmedio rural sistematicamente penalizado polo actual sistema económico.
– A propia articulación do sector mineiro, posto que está suxeito á cantidade de mineral que é posíbel extraer e vender a granel, e non na cualificación e tecnificación da produción, feitos que teñen a súa tradución nas condicións de traballo.
– Previsible perda de poboación á que se condena á comarca por mor dos perigos
derivados das balsas de lodos na zona de Bama-Loxo-Arinteiro, a contaminación dos acuíferos, así coma polos problemas derivados das seis voaduras diarias previstas e que afectarían aos núcleos de poboación de toda a contorna.
– Posible afectación ao sector turístico, de gran importancia neste concellos polo impacto do Camiño de Santiago na economía da comarca: alteración da paisaxe e contaminación da contorna tanto acústica como medio ambiental.

Quixeramos recordar tamén as implicacións ecolóxico-políticas que estas accións teñen sobre o país en relación á súa situación no contexto estatal e internacional. Na actualidade, Galiza é a 4ª comunidade autónoma en produción mineira do Estado. Unha posición que busca garantir a satisfacción das necesidades materiais das grandes áreas industriais. Mentres, as galegas e galegos pagamos o impacto ambiental dunha actividade cuxa incidencia é tan grande que ao redor do 5% do territorio total do país é propiedade dalgunha empresa mineira. As características propias da minería colocan ao país nunha posición inferiorizada economicamente ante as áreas altamente tecnoloxizadas, posto que esta actividade non está orientada ao desenvolvemento das forzas produtivas, senón que aumenta a súa rendibilidade por medio dunha maior explotación da natureza.

A todas estas condicións teñen axudado as institución públicas, e en especial o PP, aprobando unha Lei de Minería de Galicia que prima o interese destas empresas, e nas últimas datas, unha “Lei de Fomento da Iniciativa Empresarial” coñecida como “Lei Depredación” que reforza o papel extractivo da nosa comunidade no conxunto do Estado.