Comunicado da Confederación de ANPAS GALEGAS sobre o peche do CEIP Baamonde

146

A continuación reproducimos comunicado da Confederación de ANPAS GALEGAS, que subscribimos na súa totalidade:

 

Dende a Confederación ANPAS GALEGAS  queremos manifestar o noso rexeitamento ao peche do CEIP Baamonde  da provincia de Lugo e o apoio  as nais e pais do alumnado dese centro.

Este colexio conta con 30 nenas e nenos matriculados actualmente tanto de Baamonde coma das parroquias lindeiras.

 A iniciativa xurdiu da Consellería de Cultura, Educación e Universidade  e conta co apoio da alcaldía de Begonte ao que pertence Baamonde, segundo informou o rexedor desta localidade as familias o día 9 de decembro. O peche viría xustificado coa intención de destinar as instalacións do CEIP para albergar un conservatorio de música e unha gardería.

Cando priorizamos outras actividades, por moi interesantes que semellen, por riba da educación das nosas fillas e fillos, é que algo está fallando no ensino público.

Neste caso onde xa contan cunha escola de música e unha casa niño, a escusa para pechar o centro de ensino perde a pouca credibilidade que xa tiña.

Vemos unha vez máis como os dereitos e o benestar das nenas e nenos do rural perden a súa importancia e os criterios económicos  priman sobre todo o demais.