Queda menos para o axuizamento do activista vigués Diego Lores, que enfronta cargos por agresión a un axente municipal, cunha petición fiscal de 3 anos e medio de prisión e máis de 30 mil euros de responsabilidade civil. O vindeiro 17 de xaneiro os xulgados vigueses acollerán unha nova peza traxicómica e represiva co obxecto de cobrar cara unha vinganza institucional pola coraxuda loita do barrio de Coia contra o dispendio centos de milleiros de euros de fondos municipais.
A Asemblea Aberta de Coia inicia este domingo un peche solidario para reclamar a absolución do activista Diego Lores
Mentres o tirano Abel Caballero pretendía reforzar a súa marca persoal coa instalación decorativa do barco Bernando Alfageme na rotonda dun barrio esgazado pola miseria, a veciñanza resistiuse a esa instalación ao berro “que non pode ser, o barco na rotonda e as familias sen comer”. A resposta foi un inusitado despregue de violencia policial para voar as mobilizacións veciñais contra a ostentación e a construción de relatos policiais ao servizo da represión.
En solidariedade, e despois dunha semana de intensa actividade, a Asemblea Aberta de Coia inicia este domingo un peche solidario para reclamar a absolución do activista Diego Lores. O colectivo fai un chamamento a “sumarse a esta nova acción en apoio da súa inocencia”, coa que queren desmontar o que consideran “unha montaxe policial que busca criminalizar a loita veciñal e social en Vigo, da que Lores é un dos seus referentes”.
Este acto comunitario de 48 horas que terá lugar na Parroquia do Cristo da Victoria e contará con charlas, obradoiros, actuacións musicais e a proxección da curta #MoitoPeixeRompeARede. O peche finalizará coa veciñanza acompañando até os xulgados a Lores.
Durante as últimas semanas, máis de 1.500 persoas de todo o Estado asinaron a favor da absolución de Diego. “Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que cremos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes”, denuncian desde o colectivo veciñal.
Compañeiras e compañeiros da Central Unitaria de Traballadores/as participarán dese peche e están acompañando esta batalla solidaria. Agora mesmo tócanos estar con Diego, porque Diego somos tod@s.