Código Penal, a reforma que vén

71

Xa fai tempo que ao Ministro Gallardón lle caeu a carauta de “progre” que lle regalara no seu día El País. O Ministerio de Xustiza do PP está a traballar no que sería despois de aprobada no Parlamento, a Reforma do Código Penal. Os cambios previstos están en consonancia coa necesidade do réxime de incrementar os mecanismos represivos contra @s traballador@s e a disidencia.
Coa profunda crise económica en curso, o goberno do PP, co amparo silencioso do PSOE, pretende levar a cabo o programa de máximos do Capitalismo neoliberal ideado por Milton Friedman na súa Escola de Chicago, é dicir: reducir o estado á súa mínima expresión acelerando a privatización de todos os servizos públicos (sanidade, educación, pensións, etc), e aumentar ao mesmo tempo a súa potencia represiva para salvagardar os intereses daqueles privilexiados que teñen acceso á gran propiedade (o corpo de policías vai aumentando ao mesmo ritmo e proporción que o da poboación por debaixo do limiar da pobreza).
Só existe un precedente comparable ao proxecto de Gallardón, que é a chamada Lei Corcuera do PSOE. Aos recortes drásticos dos dereitos democráticos e civís que supuxo dita lei, o proxecto do PP vén a consagrar de maneira brutal aquela filosofía reaccionaria e represiva iniciada coa Lei Corcuera.Como non podería ser doutro xeito, a reforma responde á vontade de incluír no Código Penal a todas aquelas accións que se manifestaron nas protestas sociais dos últimos anos. Chégase a castigar as iniciativas pacíficas como os peches nos bancos ou a simple difusión de convocatorias nas redes sociais. A resistencia pasiva (deitarse diante dun policía) poderá considerarse un delito de atentado á autoridade. Pensemos por un momento o que acontecería cun piquete de traballadores en folga. Isto só ten un Nome: fascismo.Coa reforma en cuestión algúns feitos poderanse considerar máis graves se se cometen “nunha manifestación ou reunión numerosa”. Os delitos de atentado, resistencia e desobediencia á autoridade son estendidos tamén ao persoal de seguridade privada. Ademais, o proxecto elimina a concreción de determinadas figuras penais, para introducir ambigüidades calculadas coa finalidade de crear un escenario de auténtica inseguridade xurídica.