Mural en homenaxe ao Comandante Hugo Rafael Chávez Frías

O Secretariado Nacional da CUT tratou onte con fonda preocupación o clima de tensión e violencia que a burguesía golpista venezolana está a xenerar nese país. Xa non se trata agora de soster só o programa da Revolución Bolivariana e blindar a masiva incorporación do pobo venezolano ás institucións dun goberno socialista de nova construción, cun atractivo e vivo movemento popular, senón que está en xogo tamén a propia existencia de toda a vaga democratizadora que estremece os diferentes países da América Latina que tiveron que vivir axeonllados aos intereses do grande capital ianqui, a pesares dos moitos esforzos que as obreiras e obreiros depositaron na construción duns mellores gobernos que lles permitisen cando menos (tan pouco e tanto pedían á vez) a súa propia supervivencia material e humana.

Venezuela, baixo o mandado do Presidente e Comandante Hugo Rafael Chávez Frías, e cunha activa resistencia popular que agora se artella ao redor do Presidente Maduro, tivo a coraxe de dar un paso máis. Aprofundizar na construción dunha democracia socialista aos pés duns EEUU que nunca estiveron dispostos a tolerar tales ideas e prácticas políticas “invertidas” no seu contexto xeográfico inmediato que permaneceu décadas baixo a súa dominación.

A CUT chama a non deixarse embebedar polas grises consignas democratistas dunha “oposición” golpista. É a nosa responsabilidade non só convencer senón revelar as estrataxemas dunha dereita que está a botar man dos seus desmesurados recursos económicos e dos seus mass media para recuperar unha Venezuela que queren parcelada en grandes propiedades privadas ao servizo das súas fábricas de diñeiro, teña o custe que teña en vítimas humanas. Cómpre non esquecer nunca, e falamos da nosa historia máis próxima, que foron os EEUU, o FMI e a propia Igrexa Católica as primeiras en recoñecer como “goberno democrático” o monstro político que resultou do recentísimo golpe de estado contra o pobo venezolano.

Tivo o atino de dicilo o compañeiro Hugo Chávez en voz alta e de maneira contundente: “coa burguesía contrarrevolucionaria non hai entendemento algún: nós debemos seguir á ofensiva, esmagando á contrarrevolución

Por iso a CUT lle trasladará estes días unha mensaxe de profunda solidariedade e de honesta adhesión ao seu programa revolucionario ás democráticas institucións do pobo venezolano en Galiza. Non hai lugar ao derrotismo, isto é unha loita de clases, e temos que gañala nós, as obreiras.