Clase, Status e Pensamento

218

Comeza o ano 2018 e os datos que afectan á clase traballadora pasan ás agachadas tras as cortinas de fume que o capital constrúe nos seus medios de comunicación. Será este un ano, outro máis, no que perderemos poder adquisitivo despois de que o 2017 pechara cun IPC medio anual (e cadrado polos magos das finanzas) dun 1,8%, ao tempo que a suba salarial media anual era do 1,43%. O ano entrante promete continuar polo mesmo camiño, é dicir, peor para nós, pois prevé unha suba da luz do 10% (cantos anos pasarán para que os nosos salarios cheguen a ese 10%?), suba do gas, do combustíbel, da telefonía, das peaxes… tanto subimos que a caída vai ser de impacto, iso si, sempre que nos dea por non pensar, porque o día que pensemos coma clase e non coma individuos que só buscan un status que imita o modelo de vida da burguesía capitalista, entón seremos quen de entender que pensar significa mudar as relacións de poder; e, a pesar da vertixe e a inseguridade, podemos facelo.

O capitalismo pensa continuamente para bloquear a nosa conciencia crítica, pensa para crear o que debemos pensar nós, pensa para construír as nosas conciencias, gustos, gastos, consumos… pensa e pensa para manter a súa acumulación depredadora do medio ambiente, das conciencias, da ética, da xustiza, da igualdade, das mulleres… en definitiva da humanidade.

o día que pensemos coma clase e non coma individuos que só buscan un status que imita o modelo de vida da burguesía capitalista, entón seremos quen de entender que pensar significa mudar as relacións de poder

A fase actual do capitalismo poderiamos denominala coma de transición entre o neoliberalismo de fusión (Escola de Chicago+globalización) e o neoliberalismo de Odisea (aínda dando voltas polo espazo do futuro e agardando para aterrar). E nesta transición estanse a dar movementos aos que debemos prestar atención porque chegan para ficar entre nós. Despois da última crise do 2008 (cantas van xa deste sistema que é o mellor dos pensados?) o capital mantén a súa acumulación de beneficios abaratando o prezo dos salarios e aumentando a produtividade, é dicir, produce maior cantidade de bens de consumo e máis baratos polo que podemos seguir accedendo ao hiperconsumismo con salarios moito máis baixos que hai dez anos, ao tempo que o paro non aumenta dun xeito incontrolábel. Para chegar a este punto usaron dous elementos: o bombardeo mediático da crise (mellor traballar por 400 euros que caer na bolsa dos desclasados, dos que non poden consumir) en forma de shock (a doutrina si, esa mesma), e por outra banda contaron co noso pensamento de clase paralizado.

o capital mantén a súa acumulación de beneficios abaratando o prezo dos salarios e aumentando a produtividade

Estamos agora acostumándonos a cobrar progresivamente menos, asimilando a “nosa irresponsabilidade” cando pensabamos que tiñamos dereito a máis do que nos pertencía; e chegará o momento no que terán que producir aínda máis barato para seguir acumulando, entón acelerarán a deslocalización do traballo (xa levan moitos anos ensaiando) e o Occidente ben pensante e avanzado, esa Unión Europea dos pobos será a Unión Europea dos parias que subsistirán con rendas básicas (ollo que o capital xa está a falar desas rendas e non no sentido que algúns pretenden entender) para mercar os produtos elaborados nos “novos occidentes”.

Só temos unha alternativa para romper esta rotación, histórica e terrestre, de explotados e explotadores: pensar e pensármonos coma clase.