A comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio de Vigo leva meses soportando unha situación absolutamente insostible como consecuencia da execución das obras de reparación das cubertas do centro. O que debía de ser unha mellora das instalacións converteuse nun problema grave que afecta á saúde do profesorado, do alumnado e do persoal non docente, así como ao normal desenvolvemento da actividade educativa.
Dende a reanudación das obras en setembro de 2025, coincidindo co inicio do curso escolar, o centro funciona en condicións que non poden considerarse nin seguras nin dignas. As filtracións de auga, as pingueiras constantes en aulas, talleres e laboratorios, o ruído continuado das obras, a presenza de po en suspensión e a proliferación de fungos e mofos son xa unha realidade cotiá.
A isto súmase a utilización de materiais impermeabilizantes potencialmente perigosos para a saúde, así como os danos continuos en equipamentos imprescindibles para a Formación Profesional: balanzas de precisión, centrífugas, cabinas de extracción, material informático e instrumental específico de distintos departamentos, especialmente nos ámbitos sanitario, químico e alimentario. Moitas prácticas formativas están a verse suspendidas ou seriamente limitadas, cun impacto directo na calidade da formación que recibe o alumnado.
Resulta especialmente grave que, malia a reiteración das solicitudes realizadas polo profesorado, non se facilitase o Plan de Prevención de Riscos Laborais, nin se teñan realizado medicións ambientais nin avaliacións dos posibles riscos derivados da exposición a po, ruído, produtos químicos ou contaminación biolóxica. Esta falta de información e de medidas preventivas incrementa a preocupación e a indefensión de quen traballa e estuda no centro.
Ante a ausencia de solucións por parte da Administración, o profesorado do CIFP Manuel Antonio decidiu dar un paso adiante. Ademais de presentar denuncias ante a Inspección de Traballo, o servizo de Prevención de Riscos da Consellería e o ISSGA, iniciaron mobilizacións diante do centro para facer visible unha situación que non pode seguir normalizándose.
Dende a CUT Ensino consideramos imprescindible dar voz ao profesorado e á comunidade educativa do CIFP Manuel Antonio, difundir o escrito que elaboraron e o material gráfico que documenta a realidade do centro, e esixir:
- A reparación inmediata de todos os danos materiais ocasionados.
- A avaliación real dos riscos para a saúde e a aplicación das medidas preventivas necesarias.
- A desinfección e posta a punto integral do edificio, garantindo condicións seguras para traballar e aprender.
A saúde laboral e o dereito a unha educación pública de calidade non son negociables. O que está a ocorrer no CIFP Manuel Antonio non é un feito illado, senón un exemplo máis do abandono das infraestruturas educativas públicas. Por iso, cremos que esta situación debe ser coñecida por toda a comunidade educativa e pola sociedade no seu conxunto.
Seguiremos acompañando e apoiando as accións que decida o profesorado do centro ata que se dean solucións reais e inmediatas.












