A Consellería de Educación deixa sen cubrir baixas novamente durante o mes de decembro. A ninguén sorprende xa a súa política habitual de recortes cando se aveciñan a 15 días vista, vacacións, unha ponte ou unha fin de semana. A explicación é sinxela: aforra pagar ao profesorado 2, 3 ou 15 días e, xa de paso, recórtalle o seu dereito ao descanso retribuído ou tempo de traballo non lectivo do noso horario para programar, formarse ou corrixir.
Poñamos un caso práctico: nun centro de Lalín causa baixa una profesora de matemáticas dende hai 3 días. Estamos a mércores pero a Consellería non vai chamar ata o venres e para dar de alta á profesora con data do luns seguinte. O proceso para cubrir esa baixa é de 7 días completos nos que o alumnado perdeu como mínimo 5 sesións lectivas e o profesorado substituto non ten días previos para preparar a materia de forma retribuída, sendo que de boa fe algún chamará ao centro para preparar a materia na fin de semana, aínda sen contrato, ou ben, chegará ao centro e comezará a ver o temario o propio luns no seu pleno dereito de non traballar ata estar nomeado.
O colmo dos colmos son as datas próximas ás vacacións, sempre con avaliacións finais e sempre sen profesorado suficiente por non cubrirse as baixas e sobrecarga de traballo para departamentos e direccións. Os substitutos non traballan, o alumnado queda desatendido ás veces durante 2 semanas ou máis (ante a falta de previsión na confección de listas chegouse a esperas dun mes en máis dunha ocasión) pero a ninguén parece importarlle demasiado.
Levamos anos de incumprimento da Addenda de Interinos e non pasa nada, cada ano faise a mesma exixencia e cada ano volvemos a presenciar o mesmo problema. Seguen a producirse recortes de dereitos e dos acordos acadados: pagamento dos veráns ao persoal substituto, nomeamentos por baixas inferiores a 15 días, etc.
Esta actuación neglixente afecta directamente á calidade do ensino recibido por parte do alumnado, aumenta a precarización do persoal temporal e a presión sobre o persoal activo nos centros. Un 3×1 de desleixos da Xunta que ten outras ocupacións e preocupacións diferentes ás de coidar e garantir o bo funcionamento dos servizos públicos.
CUT ENSINO. NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE.