Non se pode dicir que as traballadoras e traballadores de T-Solar non levemos ben alta a bandeira da dignidade. Hoxe cúmprense os cen días do noso peche. Cen días de loita contra a destrución da nosa industria. Na defensa dos nosos empregos. Cen días aprendendo e demostrando que a única batalla perdida é a que non se dá.
Aquí estamos, evitando o desmantelamento dunha factoría de paneis solares punteira en Galiza que dá traballo a máis de 170 persoas nun dos lugares industrialmente máis deprimidos do noso País: Ourense. Evitando que as ansias de lucro da patronal destrúan unha fábrica constituída hai 7 anos con máis de 65 millóns de euros públicos que desapareceron fugazmente, sen rastro. Esta loita e este peche son en realidade unha porta ao futuro.É o momento tamén de celebralo colectivamente. De parabenizar a todas esas solidarias e solidarios que levan sostendo connosco este peche e esta loita, facilitándonos infraestruturas, achegando comida, doando diñeiro para afrontar a represión xudicial, ou mesmo organizando xornadas de sensibilización. E moitas outras cousas. Esta sensibilidade e esta solidariedade demostran que esta é unha loita de todas e todos os traballadores, non só dos que vestimos a funda de T-Solar.Mais é tempo de celebrar tamén que en todo este tempo non saiu ningunha peza máis pola porta da fábrica. Conseguimos frustrar as intencións do administrador de vender a fábrica peza a peza, de roubarnos descaradamente o pan. De avocar o Concurso de Acreedores á liquidación en silencio. A fábrica segue en pé e imos pelexar porque volva producir canto antes.Denunciamos tamén ese silencio cómplice da Xunta de Galicia. Esa actitude de deixar pasar o tema. De que esta batalla morra por si mesma. Ese descaro co que non asumen a súa responsabilidade de ter feito de ouro á multinacional Isolux para que esta nos deixase na estacada. A Xunta é a principal responsábel desta situación e se non dá un paso adiante darémolo nós. Só hai dúas posibilidades, defender a viabilidade da empresa ou deixar a 170 familias no desemprego e a miseria. E se hai que facerse fortes e conseguir entre todas e todos que abandonen a súa posición cínica, asegurámoslle que nos terán en fronte.Decidimos na nosa última asemblea xeral seguir aquí. Continuar o peche. E iso ten os seus custos, e implica tamén momentos difíciles. Pero sobre permanecemos rebeldes, cheas de ilusión, sentíndonos libres, compartindo e sumando forzas. Tendendo alianzas. Coa disposición de recoñecer os erros e aprender deles para medrar colectivamenteAsí é, aquí seguimos, e nós non claudicamos. Hai que escoller: ou descansar ou ser libres. O presente é de loita, o futuro é noso.COMUNICADO dos traballadores e traballadoras de T-Solar, ao fío dos 100 días de peche. 09/10/2013