[Reproducimos o artigo de Pascual Serrano, interesante reflexión sobre as expropiacións levadas a cabo polo sindicato irmá SAT e a espectacular posta en escena por parte do Capital e dos seus medios dunha suposta sintonía e preocupación polas clases traballadoras do estado, baseada na hipocrisía]Pascual Serrano. Rebelión.Todos puidemos ver o vídeo no que, ao ver que numerosos xornaleiros (1) do Sindicato Andaluz de Traballadores intentaban expropiar varios alimentos básicos do teu supermercado para doalos a un banco de alimentos, intentaches evitalo e recibiches o empurrón dun deles. Como resultado sentícheste humillada e quedaches chorando nun recanto. Moitos políticos, analistas e medios de comunicación saíron na túa defensa e convertéronse, sorpresivamente e por primeira vez, en defensores dos traballadores, ou mellor, dunha traballadora coma ti. Agora, varios días despois, probabelmente sigas indignada cos que che empurraron e te sintas arroupada e agradecida con estes defensores.
En primeiro lugar quero dicirche que é comprensíbel a túa reacción instintiva de oposición aos que intentaban levar a comida no centro onde traballas, por iso é necesario recorrer á razón para non nos limitar ao instinto. Para empezar temos que precisar que o teu traballo consiste en cobrar os produtos aos clientes, non custodialos nin impedir a súa subtracción nin apropiación sen pagamento. Cando tentaches evitalo non estabas a cumprir co teu traballo, tomaches posición nun conflito que non era o teu, porque a discusión pola propiedade duns litros de aceite, outros de leite e algunha lata, entre o dono da cadea de supermercados e uns activistas que querían repartilo entre familias sen recursos para comer, era un asunto alleo ás condicións laborais do teu contrato.Considerada traballadora, non sei se oíches falar das clases sociais ou da loita de clases. Basicamente consiste en recoñecer que nunha sociedade hai ricos e pobres, e que se encontran en conflito porque a máis riqueza para os ricos, máis pobreza para os pobres. Algo moito máis indignante se son estes pobres os que, co seu traballo, logran que os ricos amasen a súa fortuna. Co teu xesto do outro día tomaches unha posición nesa loita, nese conflito. Cando tiveches que decidir entre os pobres que deben recorrer á caridade do banco de alimentos onde irían destinados os produtos subtraídos do supermercado onde traballas e o patrimonio da familia Roig, propietaria da cadea, cun beneficio no ano 2011 da 474 millóns de euros, ti, libremente, puxécheste do lado dos segundos. Non te quero culpar por iso, insisto en que puido ser unha reacción instintiva que che fixo esquecer que eses produtos que pasan durante corenta horas polas túas mans non son teus, son dunha familia millonaria, e ti só traballas cobrándolles aos clientes. Equivocácheste á hora de defender os intereses dunha clase social, defendiches os do rico a pesar de que ti es unha traballadora e os teus intereses son opostos aos del: para que el sexa rico ti debes cobrar menos, se ti cobrases máis el sería menos rico. Os teus intereses, aínda que algúns insistan no contrario, non son os mesmos que os do dono de Mercadona. Non es a única que confunde os intereses da súa clase cos dos ricos, abonda observar cantos traballadores votaron ao Partido Popular para que aprobe unha amnistía fiscal para os ricos que defraudan á Facenda ou destine diñeiro público a bancos dirixidos por directivos que gañan centos de miles de euros e, ao mesmo tempo lles obrigue a eses mesmo traballadores a pagaren máis IVE polo material escolar dos seus fillos ou os despida como empregados públicos de seren interinos.En canto aos que te defenderon e te presentaron como vítima duns ladróns de supermercado que non respectan a lei, quero que saibas que só o fixeron para utilizarte contra os da túa propia clase social, nunca eses políticos e xornalistas de Intereconomía ou de COPE se terían preocupado por ti se tiveses quedado sen traballo, nunca se interesaron porque unha caixeira cobre un soldo digno. É máis, a eses que lles molestou tanto o empurrón que sofriches, nunca dixeron nada cando aos traballadores que pedían que non os despedisen coa nova reforma laboral, que os seus fillos tivesen calefacción no colexio ou que as medicinas seguisen sendo gratuítas para os nosos pensionistas, lles abrían a cabeza os policías cunha moca.
Querida traballadora, o outro día choraches desconsolada despois do empurrón, sen dúbida sentícheste soa. Sentícheste soa porque estiveches a defender as propiedades dun millonario que gaña 474 millóns ao ano, e mentres tanto ese millonario ben podería estar a gozar das súas vacacións de agosto nun luxoso hotel ou nun iate mentres ti defendías o seu diñeiro. En cambio, os sindicalistas que tomaban a comida do teu supermercado nunca están sós porque saben cal é a súa clase social, saben de que lado están, axúdanse, e por iso foron a por comida ao teu supermercado que, por certo, non é teu. Na túa man está non volver a te sentir soa, non volver chorar por nada parecido. Esas persoas que te empurraron cando te puxeches do lado do empresario son as mesmas que volverán a por comida para ti se mañá es ti a que non tes para comer. Serán eles os que che axuden e non os xornalistas de Intereconomía. Só necesitas recoñecer aos teus, son todas esas persoas que loitan para que ninguén pase fame mentres outros se fan millonarios. Se os volves ver no supermercado onde traballas, recorda que non son os teus inimigos, que a comida do supermercado non é túa, que quizais mañá ti non teñas traballo e a necesites, que eles as estarán a coller para ti e que o dono de Mercadona gaña 474 millóns ao ano.