Canción para cantar todos os días

366

O castelán é a lingua predominante en Galiza. Este dato, revelado polos resultados da última enquisa do Instituto Galego de Estatística arredor do coñecemento e uso do noso idioma, leva encabezando noticias, pairando nas conversas, e nutrindo contidos nas redes sociais xa meses. Por primeira vez na historia da nosa lingua o número de persoas que fala maioritariamente en castelán supera o das que o fan en galego e, malia que non é un dato sorprendente senón a constatación dunha tendencia, foi inevitábel o abraio. Como pode ser posíbel? Que cómpre facer agora? A quen pedimos responsabilidades disto? Como se soterra un idioma?

Para alén deste nefasto titular, o estudo revelou tamén a suba do descoñecemento do idioma, especialmente en crianzas e adolescentes (un terzo das menores de 15 anos non sabe falar galego), e constatou que é perfectamente posíbel unha vida na Galiza sen o galego (case o 50% de persoas menores de 30 anos aseguran que non o empregan nunca). Mingua, tamén, a porcentaxe de crianzas que teñen o galego como lingua inicial e, nese escaso 11% que si o ten, o sistema educativo actúa como unha bóla de demolición castelanizadora.

Á luz dos datos parece claro que o galego está nunha situación de emerxencia, como veñen apuntando numerosas organizacións e iniciativas en defensa da lingua nos últimos meses. Mais, a culpa de quen é? A quen pedimos explicacións?

A reacción da Xunta ante estes datos foi a habitual sempre que existe un problema de calquera tipo: botar balóns fóra. Nunha polémica estratexia entre o gaslighting e a xenofobia, a Secretaría Xeral da Lingua (honesto cambio de nome da anteriormente chamada Secretaría Xeral de Política Lingüística, que renuncia xa a facer política até no simbólico) tirou dúas conclusións: a primeira, que o uso do galego segue a ser maioritario e, a segunda, que en caso de non o ser, a culpa é do aumento da poboación migrante. O goberno, por non variar, mente e manipula os datos con tal de non asumir a súa responsabilidade.

Mais o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, foi máis alá e propuxo un novo “pacto pola lingua”, retomando a proposta de actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que el mesmo lanzara, hai uns meses, no XX aniversario da súa aprobación por unanimidade no crepúsculo do goberno de Fraga Iribarne. Pretenden así comezar un ilusorio debate público sobre as propostas para reverter a actual tendencia da perda de galegofalantes, un pacto social e “sen liñas vermellas”, en palabras do conselleiro. Esixen vontade de diálogo sen ter en conta que o Plan Xeral de 2004 (que, lembremos, xa é un plan consensual e para cuxa aprobación houbo que facer renuncias desde os sectores máis activos na normalización do idioma) está como novo por falta de uso. Reclaman consenso, mais nós lembramos que foron eles quen dinamitaron todos os acordos arredor da lingua: o goberno da Xunta, o Partido Popular, leva lexislando e actuando en contra do galego desde o ano 2009, desde que Feijóo chegou ao goberno alzado por grupúsculos como Galicia Bilingüe (aquela foto do actual presidente Rueda na cabeceira dunha manifestación en Compostela non cómpre nin lembrala). Din querer un novo pacto pola lingua, mais na realidade os resultados do último inquérito do IGE non son máis que unha mostra do éxito das súas políticas lingüicidas; quer na súa versión máis abertamente antigalego desta última década, quer na base mesma da súa política lingüística.

“Deixaron que o proceso de normalización se entendese como unha elección individual e non como o que debería ser: un proceso politicamente estruturado e organizado. Renunciaron, xa de partida, á súa obriga de lexislar, de dotar de orzamentos e de implementar políticas lingüísticas para a normalización efectiva do noso idioma.”

Porque, lembremos, a política lingüística do Partido Popular de Galicia apostou sempre por un bilingüismo de mantemento; isto é, na práctica, non interferir na situación sociolingüística. E baixo a aparencia de querer manter a situación de partida (aquela foto fixa do galego como lingua maioritaria), na realidade o único que se fixo foi manter a tendencia da perda de falantes que levamos vendo desde hai décadas. Esta planificación lingüística “de baixa intensidade” (como lle chamara Anxo Lorenzo cando aínda era alguén), coa intención de non provocar conflito social, deixaba xa ver cal era a ideoloxía lingüística de quen lideraba a institución e evitaba calquera tipo de dinámica ou práctica planificadora: o “bilingüismo harmónico” que se convertería en palabra de orde anos despois. Deixaron que o proceso de normalización se entendese como unha elección individual e non como o que debería ser: un proceso politicamente estruturado e organizado. Renunciaron, xa de partida, á súa obriga de lexislar, de dotar de orzamentos e de implementar políticas lingüísticas para a normalización efectiva do noso idioma.

Partiron da idea de que a existencia da lingua galega era un elemento de conflito. No canto de tratar de sandar esa experiencia traumática colectiva -tamén no que se refire ao uso do idioma- da que vimos, o franquismo, deixouse que se transmitise biograficamente: o autoodio, os complexos, a renuncia ao idioma por darlle un futuro mellor ás fillas. E despois botáronlle a culpa ás familias pola ruptura da transmisión xeracional. Instauraron marcos de pensamento que condicionan o uso da lingua: a imposición, o radicalismo. Empregaron, quen chama por un pacto en que disolver responsabilidades, a lingua como arma.

E podería dicirse que, até certo punto, isto ten un pase: o goberno non pode actuar directamente nas familias. Porén, da administración autonómica depende a educación, a relación entre a poboación e as institucións, os medios de comunicación… E que fixo a Xunta nestes ámbitos? Cales foron as medidas que se tomaron? Pois foron, de novo, atacar frontalmente o idioma a golpe de lexislación. Aprobaron o Decreto 79/2010, o do “plurilingüismo” no ensino, que segundo todas as expertas supuxo a conversión do sistema educativo galego nun axente españolizador; aprobaron tamén a modificación da lei da función pública para evitar a obrigatoriedade dos exames en galego nos procesos selectivos (como se pode garantir o dereito da poboación a falar en galego coas institucións públicas se o funcionariado non ten coñecemento acreditado do idioma?), e veñen de aprobar -no medio dunha folga histórica- o proxecto da nova lei da CRTVG que, para alén de seguir na liña actual da manipulación informativa e de converter os medios públicos nun espazo de propaganda partidaria, abre a posibilidade da emisión de contidos en castelán “cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público” (signifique iso o que signifique).

A Xunta, o goberno do PP, de querer tomar medidas a favor do idioma podería facelo xa mesmo: cumprindo a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de 2004, atendendo as alertas do Consello de Europa sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas, dotando de recursos económicos os servizos de normalización lingüística e ampliando a rede de profesionais da lingua, derrogando a lexislación que ataca directamente o noso idioma… Mais, como coñecemos a quen nos goberna -a esta máquina de devastación do país en todo canto toca- preferimos non ficar á espera.

“Cómpre facer a nosa parte e apoiar todos aqueles proxectos autoxestionados, as organizacións sociais e civís, a nivel nacional e tamén local, que están a traballar no día a día de xeito incansábel na defensa do idioma cunha perspectiva propositiva e de avance.”

Cómpre facer a nosa parte e apoiar todos aqueles proxectos autoxestionados, as organizacións sociais e civís, a nivel nacional e tamén local, que están a traballar no día a día de xeito incansábel na defensa do idioma cunha perspectiva propositiva e de avance. Participar nas mobilizacións e actos, organizarnos para que os gobernantes non poidan seguir poñendo pretextos sen teren que nos escoitar, para esixir medidas urxentes, ben planificadas e cun orzamento digno.

“É indispensábel defender e usar o noso idioma con orgullo, como defendemos sempre o que é noso. Facelo igual que combatemos a inxustiza nos nosos centros de traballo: coa cabeza en alto e aprendendo dos erros no camiño.”

Non chegamos tarde, aínda non morremos, mais tamén non podemos deixar que nos maten. É imprescindíbel fuxir das ideas que foron callando en nós, que foron colocando nas nosas cabezas: nin se impón o galego, nin falar español é un acto de liberdade individual cando o contexto social é abafador en moitos ámbitos de uso. É indispensábel defender e usar o noso idioma con orgullo, como defendemos sempre o que é noso. Facelo igual que combatemos a inxustiza nos nosos centros de traballo: coa cabeza en alto e aprendendo dos erros no camiño. Facelo por memoria histórica e por orgullo de clase, porque queremos construír un futuro digno nos nosos propios termos. Facelo como sexa, mais facelo: “con rabia, con furor, a metrallazos”.

Secretariado Político da CUT