As traballadoras dos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3 comezaron este luns o seu “camiño reinvindicativo” en demanda dunha atención de calidade nestes eidos.

As compañeiras percorreron hoxe cunha caravana de coches o treito Arzúa-Arca do camiño francés para reclamar melloras na atención aos nenos e nenas, así como condicións laborais dignas para as traballadoras destes sectores, dentro do marco de negociación dun convenio galego que veñen reclamando hai tempo.

Mañá martes percorrerán de novo cos seus vehículos o treito Arca-Monte do Gozo e o mércores completarán o percorrido a pé dende este último punto ata o edificio administrativo da Xunta en San Caetano (Compostela).

Completarán así tres xornadas reivindicativas que veñen sumarse ás celebradas nos últimos meses para demandar un convenio galego que garanta unha atención de calidade en discapacidade, menores e infantil 0-3.












