Brasil: antiimperialismo ou fascismo

86

Estes días, os medios retratan con gran sensacionalismo os resultados das eleccións no Brasil. A gran noticia é a amplísima vitoria do candidato neofascista Jair Bolsonaro sobre o presidenciábel do PT, Fernando Haddad. É obvio que a propia noticia (que chegou a eclipsar o tema Venezuela) forma parte do deseño do establishment respondendo ás necesidades conxunturais do neoliberalismo planetario.

Non poucas veces, desde a CUT temos afirmado que os escenarios de crise sistémica teñen indefectiblemente dúas saídas posibles: ben o avance das forzas do traballo na conquista de dereitos e de xustiza social, ou ben, como é o caso, o florecemento do fascismo como necesidade hexemónica.

Efectivamente, causa estremecemento a hipótese de ver como presidente do chamado xigante latinoamericano a Bolsonaro, un persoeiro de ideoloxía fascista cunha traxectoria perfectamente coñecida, primeiro como militar da ditadura criminal brasileira, e logo como emblema das políticas racistas, homófonas ou antifeministas.

Pero tamén sería un erro quedar atrapado no fume do sensacionalismo, sen contextualizar o ascenso deste sinistro persoeiro no escenario premeditado polas políticas neoliberais para América Latina, e o que é máis grave, a colaboración consciente ou inconsciente da esquerda institucional que acabou afortalando as posibilidades da ultradereita.

No escenario rexional, é evidente que o imperialismo, da man das burguesías crioulas, non ía quedar parado fronte o ascenso dos gobernos progresistas ó longo do continente desde hai quince anos (Venezuela, Bolivia, Ecuador, Nicaragua, Arxentina…): tomáronse o seu tempo, sen precipitacións, pero ó final o inimigo de clase non perdoa. Con intelixencia e moito deseño, foron destruíndo as distintas torres do taboleiro que non comulgaban cos designios do imperio. Primeiro Iraque, logo Libia, maís tarde América Latina, que é o que hoxe nos ocupa.

Non hai que ser moi pícaro na análise para identificar as distintas e dispares ferramentas das que se vale o inimigo para o contraataque, unas veces sutís e outras descaradas. A máis importante é a mediática, a que prepara o terreo, a que lava a conciencia de millóns de persoas no mundo ata lograr instalar nos caletres as mentiras máis perversas.

Séguelle a infiltración, sexa pola vía política ou ben pola institucional, unha renovada actuación a través de mercenarios colocados premeditadamente en puntos neurálxicos do sistema a atacar. Un exemplo clamoroso é a chamada xudicatura e as súas actuacións no Brasil, Ecuador ou O Salvador. Máis cínica aínda, é a práctica descarada do mercenariado como axentes da CIA, son de salientar os casos de Bachelet, expresidenta de Chile (socialista) nunca mellor dito, Lenin Moreno, vicepresidente con Correa, en Ecuador, ou Luís Almagro ó fronte da OEA e excanceler de Pepe Múgica. Casos que, polo seu descaro, fan máis que pensar ó respecto dos proxectos políticos neses países.

Vai logo o bloqueo económico para derrubar os procesos progresistas. O prezo do petróleo, as condicións leoninas dos cretos, ou as políticas de troco ó respecto do dólar USA é moeda corrente nas prácticas inxerencistas en toda Latinoamérica, destacando nos casos de Venezuela, Arxentina e Bolivia.

Finalmente, a ameaza militar é a maneira máis groseira e criminal con que a impunidade ianki e da Unión Europea ameazan os procesos sinalados. Nos últimos tres anos, os EU pasaron a ter dezaseis bases militares en Colombia, xendarme do Comando Sur para poñer disciplina nos pobos americanos, sobre todo para agredir a Ecuador e á Venezuela Bolivariana.

Por iso, non se pode falar da emerxencia do fascismo como algo illado, sexa no Brasil con Bolsonaro, VOX no Estado Español ou os distintos casos en Centro Europa. A significación desta lacra vén dada polo fracaso sistémico do capital, o fracaso da chamada democracia representativa (partitocracia), que fai doado que prendan na sociedade cansa estes movementos.

Ata aquí o que corresponde á acción e o deseño do inimigo, pero sería una análise parcial se non tiveramos en conta o papel da esquerda formal que en realidade representa e representou a vía socialdemócrata xa fracasada na década dos setenta. A dulcificación dos discursos para acadar o goberno, que non o poder, a lexitimación dos reximes establecidos e herdeiros das ditaduras fixo que a acción do inimigo tivera éxito.

Despois de todo o que levamos visto no Rexime do 78, veña da man do PP ou do PSOE, Lei de Partidos Políticos, Lei Corcuera-Mordaza, Reformas Laborais a ducias, Art 135, Art. 155 en Catalunya, o establishment bota man se non chegaba con Cs de VOX para que fagan o traballo sucio. “Aí vén o lobo” din a coro os mesmos tertulianos que lle deron carta de natureza mediática a todas e cada unha das aberracións democráticas dos últimos anos. Tamén forma parte do sainete planificado.

Pois ben, sen sacarlle un ápice de importancia ao acontecido no Brasil o pasado día 7 de outubro, ratificar desde a CUT a nosa solidariedade e o noso apoio ós sindicatos clasistas brasileiros fronte a ameaza máis que previsible de que Jair Bolsonaro acade a Presidencia na segunda volta. Chamamos á reflexión colectiva sobre o que acontece no Mundo. A partir de aí, a seguir traballando na unidade obreira e popular na rúa, sen confundir esta cos procesos electorais e moito menos coa lexitimación do Rexime do 78 franquista e caduco.