Bombeiros recurtados por decreto

285

A situación que se viviu no Servizo de Bombeiros de Vigo durante este domingo electoral demostra que o servizo está completamente desestruturado por falta de persoal (mandos, bombeiros e condutores). A xornada electoral viuse alterada para os bombeiros xa que algúns compañeiros foron privados de exercer o dereito fundamental ao voto.

O Servizo de Bombeiros de Vigo ten que contar cun mínimo de 20 funcionarios para toda a cidade e a súa área metropolitana (500.000 habitantes). Esta proporción só se pode manter a base de efectuar horas extra, unha práctica á que o colectivo negouse hai seis meses. A reacción do Concello a esta negativa foi sacar un decreto municipal para tornar obrigatoria a realización desas horas extraordinarias.  No ultimo ano fixéronse máis de 37.500 horas, por un custo de máis de medio millón de euros. O Concello ou non quere ou é incapaz de activar as ofertas de emprego de 2017,2018 e 2019. O resultado é falta de descanso, de conciliación familiar, desgaste físico e inseguridade, tanto para os bombeiros como para a propia cidadanía, que non pode recibir un servizo seguro e de calidade.

Este pasado domingo 26 de maio había de garda 16 bombeiros. O sarxento ao mando comunicou a situación desde o primeiro momento, para buscar unha solución e garantir que todo funcionario puidera gozar das 4 horas que lle corresponden para ir votar (dereito contemplado cando se traballa en quendas de 24 horas que coinciden totalmente coa apertura dos colexios electorais).

Non tardaron en chegar as presións e ameazas, da xefatura e da área de seguridade, con comentarios do tipo “quen tarde máis dunha hora en ir votar, terá un expediente disciplinario”.

Ás 9:45 da maña, 45 minutos despois da apertura dos colexios electorais e  logo dunha noite ben axitada, chéganos do Concello un decreto no que se di claramente que só dispomos para votar de 1h os do término municipal e de 1.75 h. os de fóra.

A cidade queda completamente desprotexida. Varios compañeiros abandonan o seu posto por prescripción médica ao mancárense nunhas intervencións e outros marchan para votar. Vívense momentos moi tensos quedando a zona suroeste da cidade cuberta só por 3 bombeiros e ningún conductor e o parque de Balaídos completamente anulado.

A pregunta é por que non enviaron eses 3 bombeiros ao parque de Teis como xa se fixo para reforzar o servizo no parque central en vez de deixalos abandonados sen cobertura ningunha no parque de Balaidos? Seguramente por decisións políticas, non pode ser que en dia electoral quede pechado o parque auxiliar de Balaidos.

A situación máis crítica viviuse ás 19:20 da tarde cando había para toda a cidade e a sua área metropolitana 9 bombeiros (mando, bombeiros, condutores e comunicación).

Esta é a realidade do Servizo de Bombeiros de Vigo. Non hai bombeiros; teñen paralizadas as OEP 2017,2018 e 2019. Perdemos nos ultimos anos máis de 25 efectivos. Somos 102 bombeiros. Media de idade de 52 anos. Xubílanse, dende 2019 ata 2021, 20 bombeiros máis.

Que o Concello deixe de aplicar decretos dictatoriais e que se sente connosco a negociar unha OEP seria.  Vigo necesita bombeiros, non volcáns nin dinosetos! A seguridade de todos está en xogo!!!!