Corría o mes de maio do ano 1976, vinte e tres anos antes do nacemento da CUT, e saía á luz en Monforte de Lemos un libriño do poeta nacional Manuel María, “Cantos rodados para alleados e colonizados” que desde aquela fora imprescindible, igual que hoxe, para non naufragar na enxurrada do mar noxento do capitalismo, nun País colonizado como o noso, sobre todo cando non se ten compás. Velaí o verso que o autor chama, Poema do alleado.
Son un bilingüista
moi apaixoado,
un colonialista
ben colonizado.
Teño lingua nai,
i unha lingua pai
i unha lingua filla
que maravilla
… … … …
Son un alleado
fino e progresista
ben domesticado.
¡Son un castrapista
como está mandado!
Nós, a xente do Morrazo, ao que chama cantos rodados Manuel María dicímoslle pelouros, igual que noutras latitudes da Terra a estes seixos redondos do río chámanlle coios, bochas e outras cousas. Pero aínda tendo distinta denominación en Cangas que en Monforte, a utilidade dos pelouros era a mesma; a de ser munición para ser lanzada ó obxectivo que cadrara. Maxistralmente o poeta nacional a usa como munición fronte os alleados (alienados) por se alguén ten tentacións de interpretación híper enxebrista.
Foi na última Conferencia Nacional do noso sindicato que o camarada Secretario Xeral botou man do Manifesto Fundacional da CUT para iniciar o acto. De xeito claro e preciso fixo pedagoxía ao respecto da realidade socio-laboral do ano 1999 e da presente, vinte e cinco anos despois, da permanencia das mesmas variables e do perigo de crernos o relato hexemónico de que hoxe estamos mellor que daquela, porque estamos bastante peor.
Foi na mesma Conferencia Nacional da CUT onde Ricardo Castro puxo enriba da mesa o perigo terminal que nos axexa aos sindicatos de clase. Un perigo enmascarado sempre en mentiras que sutilmente son convertidas en supostos axiomas dende esa mesma narrativa hexemónica e que acaba sendo instalada na inconsciencia da xente entregada. Expresións como “os tempos non son os de antes” ou “a xente de agora pensa diferente”, convértense en xergóns para a esclerose ideolóxica e da inacción militante.
Xa na penúltima Conferencia Nacional quen vos escribe destacou o perigo que representa o discurso neofascista e otanista que representa a UE para vender o medre espantoso do investimento militar e a previsión dos 800.000 millóns de euros para a industria militar. E, incriblemente, lavarlle o cerebro á clase traballadora a través do suposto caudal de emprego que se abriría. Dixemos que daquela máis de corenta empresas galegas estaban xa redireccionando seus plans estratéxicos ao ámbito militar, hoxe seguro que serán mais de un cento.
A falta de información e de formación, lévanos á inxenuidade e a ver muros infranqueables, lévanos á inacción e á entrega. Moitas, demasiadas veces, temos reflexionado nos distintos organismos sindicais da CUT que a traizón sindical e a transición ao sindicalismo corporativo e amarelo moi poucas veces se ten teorizado e moito menos acordado solemnemente por quenes foron protagonistas. ¿Coñecedes algún caso onde un congreso sindical acordara deixar de ser sindicato de clase, para converterse en sindicato amarelo?
O perigo sinalado non é algo etéreo e remoto, é algo invisible pero concreto, e está presente sempre e a todas horas. O único antídoto real son a dirección sindical clasista e a formación política e ideolóxica sindical. Só así nos anticiparemos aos posibles cancros que puideran aparecer. O inimigo infiltra a longo prazo e a súa arma principal é a ideolóxica, chegando a converter a un traballador ou traballadora con conciencia nun idiota, nun palurdo de alma lerda que dixo Celso Emilio.
A semana pasada sóubose a través de distintos medios non exentos de ponzoña, das declaracións do Presidente do Comité de Empresa pertencente á CSI ( si, Corriente Sindical de Izquierdas que como organización está fóra de toda dúbida nas súas posicións combativas e de clase) nunha planta de INDRA en Asturias. As grotescas declaracións viñan a darlle a benvida con gran alegría ao novo proxecto “de negocio” da súa empresa, concretamente á construción de tanques.
A CSI -coma o noso sindicato- nace da batalla sindical de clase, nace do combate radical fronte á patronal asturiana, fronte ao goberno do PP e do PSOE e fronte á traizón sindical de CCOO e SOMA-UGT. A súa traxectoria sindical foi un fito de heroismo sindical de honestidade: a combatividade, a folga, a mobilización na rúa e até o cárcere. A CSI é todo un referente do sindicalismo antisistema no estado español.
“Deixamos aquí este aviso aos e ás navegantes. A dirección sindical da CUT debemos prestar especial observancia e moita vixilancia a calquera tendencia que, enmascarada nunha suposta liberdade de opinión, acabe co proxecto CUT”
Non faremos de adiviños para facer unha diagnose exacta para explicar o acontecido con este pailán asturiano que non será o único –seguro-. Sexa unha infiltración a longo prazo –non se debe esquecer a natureza da empresa INDRA e os seus vencellos coas cloacas do estado- ou sexa simplemente unha traizón en toda regra practicada por un persoeiro de baixa catadura, o certo é o que é obxectivable: que desde un sindicato de clase se lle puxo alfombra vermella a un proxecto cuxo obxectivo é o asasinato dos pobres da terra, a mans do neofascismo europeo e do imperialismo.
O caso sinalado é sintomático da vulnerabilidade á que estamos sometidos os sindicatos que aínda non nos entregamos ao Réxime. Deixamos aquí este aviso aos e ás navegantes. A dirección sindical da CUT debemos prestar especial observancia e moita vixilancia a calquera tendencia que, enmascarada nunha suposta liberdade de opinión, acabe co proxecto CUT.
A loita de clases existe por moito que lle proa aos finos progresistas e tamén está presente en nós, os militantes sindicais, claro que si.
En Cangas, no día anterior ao cabodano do asasinato de Moncho Reboiras.
Manolo Camaño
Responsable de Relacións Internacionais da CUT












