Autoescolas en loita: polo convenio provincial!

109
Folga autoescolas 12 de agosto 2021

Cobro por tiquets, con táboas salariais desfasadas, estando en varias categorías por baixo do SMI, sen plus de perigosidade, nalgúns casos sen vacacións remuneradas, sen unha xornada laboral definida que permita conciliación familiar efectiva, obrigadas a levar os embarazos case a término dando prácticas nos vehículos, sen recoñecemento de enfermidades laborais -agás a afonía- e sen unha prevención de riscos adaptada as particularidades do traballo. Estas son algunhas das prácticas habituais que fan do traballo nas autoescolas un traballo precarizado, motivo polo cal cada vez máis profesionais se ven obrigadas a abandonar o sector.

As asalariadas destes centros de formación queremos poñerlle freo a esta precariedade e rematar coas prácticas abusivas que levamos soportando dende vai anos, por este motivo pedimos un convenio provincial propio que nos sirva como ferramenta para poder atallar a problemática fronte a que nos atopamos. Tras varios intentos de acercamento coa patronal, para abrir unha vía de diálogo que nos servise para dar comezo ás negociacións, esta sempre se negou a valorar a posibilidade. Grazas o Consello Galego de Relacións Laborais, conseguimos chegar a unha mesa de mediación coa Asociación de Autoescolas de Pontevedra, asociación que representa a mais do 65% das autoescolas da provincia. Desta mesa erguémonos desconvocando as xornadas de folga programadas para Xullo, co compromiso, por parte da patronal, de valorar unha serie de puntos a negociar como melloras económicas graduais, medidas de conciliación e mellora social, saúde laboral e seguridade ou formación e actualización das traballadoras. O pasado 31 de Xullo a directiva da asociación que da voz ás autoescolas da provincia fainos chegar a decisión de non continuar coas negociacións alegando que non teñen a capacidade para facelo, confiando voluntariamente o futuro do persoal laboral de Pontevedra a espera dun convenio estatal que non se negocia dende o 2013 e que pouco ou nada atende as particularidades socioeconómicas, ambientais, demográficas e xeográficas da nosa contorna.

Convenio provincial autoescolas xa

Ante o feche da patronal a negociar un convenio provincial que nos garanta traballo digno a todas as traballadoras e traballadores dos centros de formación viaria, vémonos obrigadas a convocar 6 días de folga non consecutivos, non só para que a Asociación de Autoescolas de Pontevedra reconsidere sentarse a unha mesa negociadora, senón para que a sociedade se faga eco da problemática que sufre un dos axentes máis importantes na educación viaria con todo o impacto que isto produce nas nosas estradas.

Este mes de agosto, folga de 24 horas os días 12, 13, 17, 18, 19 e 20.

A patronal vainos ter que ouvir, as traballadoras das autoescolas precisamos dun convenio digno!