A impugnación xudicial do ERE de Paradores de pon de relevo que a lexislación laboral discrimina ás centrais minoritarias nas negociacións colectivas.
A CUT, xunto coa CGT, veñen de ver admitidas as súas demandas de impugnación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de Paradores de Turismo de España SA, empresa á que pertence o Hostal dos Reis Católicos. Unha demanda á que á CIG se adhire e cuxa vista xudicial se celebrará na sede da Audiencia Nacional o vindeiro martes 2 de abril.
Para as centrais sindicais demandantes, que consideran unha moi boa nova a admisión a trámite das demandas, neste acto de xuízo non só se sustanciará sobre o fondo dun Expediente que cualifican de ilexítimo e vulnerador de dereitos por excluír de facto ao centro de Compostela, con Convenio Colectivo e Comité de Empresa propio, senón que se deliberará tamén sobre unha materia de maior profundidade: o dereito das centrais sindicais minoritarias con representación a participar en plena igualdade e con todas as garantías representativas das negociacións colectivas e na defensa dos intereses da súa filiación.
A CUT considera que se está a aproveitar os baleiros legais existentes en materia de liberdade sindical e negociación colectiva para primar tanto dende a patronal como dende as administracións ás grandes centrais sindicais estatais CCOO e UGT como suxeitos negociais, moito máis amábeis aos ditados do capital estatal e máis preocupadas por xestionar e xustificar as situacións económicas “negativas” das empresas que de defender os dereitos e a estabilidade no emprego dos traballadores e traballadoras e das súas familias e contorna. É dicir, a propia superviviencia das traballadoras.O impedimento formal á participación das centrais sindicais minoritarias en negociacións como a de Paradores mina a súa capacidade para poder exercer o mandato dos traballadores e traballadoras que optan por artellar a súa voz a través dun sindicalismo de base, combativo e non pactista, permitíndolles ás empresas negociar coas grandes centrais sindicais despedimentos e degradacións laborais sobre as que nunca acadaría acordo co sindicalismo alternativo. A CUT denuncia tamén que esta circunstancia ten especial gravidade no caso das centrais sindicais nacionais galegas e resulta unha mostra máis de que seguimos a sufrir unha lexislación colonial que nos afasta dos centros de decisión tamén en materia laboral.
Ao tempo, resulta especialmente grave esta discriminación posto que Paradores é unha empresa pública e detrás deste artificio negocial está directamente implicado o Ministerio de Industria e o conxunto do Goberno español, o que fai aflorar a identidade de intereses entre a administración e a grande empresa, gozando ambas en harmonía dun conxunto de reformas laborais construídas contra o pobo.As centrais sindicais, satisfeitas coa admisión das demandas, mostran o seu optimismo, e advirten de que neste proceso está en xogo a liberdade sindical e os principios de igualdade e non discriminación entre sindicatos. Só un fallo positivo pode garantir que os traballadores e traballadoras que elixen ao sindicalismo de base e asembleario para os seus Comités de Empresa poidan verse representadas con todas as garantías e con toda a forza legal nas negociacións colectivas que máis lles afectan.