A Central Unitaria de Traballadoras asinou por cuarta vez consecutiva o convenio colectivo en Urbaser, empresa concesionaria do servizo da recollida do lixo no concello de Redondela, onde a CUT se mantén como representante do cadro de persoal deste centro de xeito ininterrompido dende o ano 2009.
O fito máis destacábel desta sinatura é a recuperación do plus de antigüidade, unha reivindicación constante nas anteriores mesas de negociación e plataformas dos traballadores e traballadores; pero desta vez foi a vencida. Sinalar que a antigüidade estaba conxelada dende o ano 2002, polo que era unha reclamación unánime pola perda de poder adquisitivo que iso supuña co paso do tempo para todas as persoas traballadoras.
Xunto coa reactivación deste plus, logrouse a maiores que ao remate deste convenio -asinado por unha duración de tres anos- os compañeiros e compañeiras deste centro de traballo no mes de xaneiro do ano 2026 teñan un incremento salarial do 17%. Unha suba como nunca antes acadada, polo que foi moi celebrada.
O sentir xeral do cadro de persoal é máis que positivo, xa que se lograron os obxectivos da proposta inicial asinada polo 100% dos traballadores e traballadoras presentada á empresa para a súa negociación. Destacar tamén que non houbo ningunha contraprestación económica ou social, todo o contrario, retirouse un artigo que penalizaba cun día de descanso ao reincorporarte dunha baixa. Este foi un pulso ideolóxico que se mantivo coa empresa tamén noutras ocasións e que conseguir de novo a clase traballadora tamén desta volta. Acaído tamén foi actualizar o texto a unha linguaxe máis inclusiva en canto ao xénero e eliminar ese xa casposo mantra do xénero neutro masculino.
Así, sobre o papel, semella sinxelo, pero todas sabemos do complicado das negociacións de convenio. Logo de catro meses, oito reunións presenciais e outras tantas de teléfono, logrouse o acordo, consciente en todo momento tanto o delegado de persoal do centro como o asesor que o acompañou en todo momento, dese pequeno gran peso que ten a CUT.
Parabéns ás traballadoras de URBASER en Redondela e que cunda o exemplo!