Asina xa a ILP pola consolidación e únete a nós o 1º de maio!

1060

Hoxe, luns 26 de abril, e tras dous meses de burocracia e papeleo, arrincamos por fin a recollida das 10.000 sinaturas que precisamos para que o Parlamento galego debata a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola consolidación do emprego dos milleiros de traballadores e traballadoras que levan décadas padecendo a fraude e a temporalidade nas administración públicas do noso país e adopte a solución legal que lle presentamos.

A túa sinatura, a de todas nós, é imprescindible para acadar as 10.000 requiridas, polo que facemos un chamado para que acudades aos locais comarcais do sindicato para rubricar os pregos ou que contactedes coas delegadas sindicais dos vosos centros de traballo para que vos faciliten o acceso aos papeis oficiais onde debemos asinar. Temos que conseguir o obxectivo das 10.000 antes de mediados de xuño, polo que non hai tempo que perder.

Esta recollida de sinaturas acompañarase dunha campaña de concienciación e mobilización en defensa do público e da estabilización do emprego do seu persoal máis precario e abusado. Este vindeiro sábado 1 de maio, as traballadoras temporais do público estaremos cunha faixa de apoio á ILP nas manifestacións da Coruña, Vigo e Compostela convocadas pola CUT. Detrás desas faixas temos que estar centos apoiando esta iniciativa e visibilizando o conflito nas rúas. Por iso chamámosvos tamén ás temporais da Xunta, de Ensino, de Política Social, de Servizos Centrais, de Incendios, da CRTVG, do Consorcio, e de calquera outra administración pública con persoal en fraude de lei…. a buscar a faixa da ILP este 1 de maio nas manis da CUT.

Tamén haberá mesas informativas de recollida en diferentes cidades. Podes seguirnos no grupo de Telegram “ILP Consolidación”, na web www.cutgaliza.org, nas redes sociais ou escribir a empregopublico@cutgaliza.org  para máis info.

Porque o público é de todas e porque é de xustiza: asina a ILP e únete a nós nas rúas este 1 de Maio!