As traballadoras de Samaín decidiron en asamblea (por maioría das traballadoras e unanimidade do comité de empresa) iniciar mobilizacións ante os incumprimentos da empresa concesionaria.
A empresa mantén unha estratexia de dilatar tempos sen resolver ningunha das cuestións que afectan directamente ao cadro de persoal, tales como a aplicación do complemento do posto de traballo dos grados I e II (publicado no DOG o 1 de decembro de 2022) e que, segundo recentes sentenzas do TSXG e TS, teñen carácter retroactivo dende o ano 2019. O persoal de limpeza está equiparado á estrutura salarial do persoal laboral da Xunta.
A isto engadimos a falta de cobertura de IT, prazas vacantes sen saír a concurso, horas extraordinarias mal abonadas, atraso no pago de complemento especial de limpeza e absorción de complementos salariais consolidados.
Por se fora pouco, a empresa tampouco recoñece os 5 días hábiles de permiso por coidado establecidos recentemente polo goberno e, de xeito contrario á norma malia as diferentes sentenzas que determinan que os permisos son en días hábiles, só recoñecen días naturais con solicitudes absurdas de partes de alta.
Todo isto cun incremento suculento no valor da contrata, na que gañaron a empresas competidoras con diferenza de puntuación nas diferentes melloras -especialmente en materia de conciliación-, sen que as traballadoras noten a máis mínima diferenza ata día de hoxe na aplicación con respecto a anos anteriores.
Na CUT témolo claro: a privatización destes servizos só trae recortes para as traballadoras e enche o peto con cartos públicos a empresas grandes como esta, pertencente a Florentino Pérez.
Non á subcontrata dos servizos públicos. Rescate xa!