As traballadoras da limpeza de Correos seguen sen solución total

137

Tras case un ano de mobilizacións, a folga das traballadoras da limpeza de Correos remataba o decembro pasado coa promesa da entrada dunha nova empresa adxudicataria do servizo que asumiría a débeda. Pero non foi así. Seis meses despois da entrada da nova adxudicataria, Garbialdi, as traballadoras seguen sen cobrar os meses de salario adebedados pola anterior concesionaria e as traballadoras teñen que recorrer á vía xudicial para reclamalos, demorando así aínda máis unha posible solución.

“Seis meses despois da entrada da nova adxudicataria, as traballadoras seguen sen cobrar os meses de salario adebedados e as traballadoras teñen que recorrer á vía xudicial”

A entrada da nova empresa tampouco trouxo grandes solucións para as eivas arrastradas tanto a nivel contractual como no desenvolvemento do traballo:
“Eu volvo da IT o 3 de abril e non me dan de alta ata o 10, fóra de prazo. Atópome con que non hai produtos e teño que facer a limpeza con auga durante semanas ata que chega un pedido. Hoxe aínda non teño os EPIs que preciso para o meu traballo.”, explica Marta Núñez, traballadora do CTA de Correos na Lavacolla e afiliada da CUT.


A escasez de material é habitual, di esta traballadora: “Hai unha oficina na que se rematou o papel hixiénico en xuño, antes da folga, e chegou a semana pasada”.

“Hai compañeiras que levan décadas traballando e nunca fixeron revisións médicas. Agora temos problemas para que se cumpra ata nos centros grandes””

Tamén arrastran carencias na formación en prevención, uniformes e mesmo na recepción do documento de subrogación do seu contrato, que só recibiu unha parte do cadro de persoal. “A empresa leva xa 6 meses. Non fixemos recoñecementos médicos, non temos avaliacións de riscos…. Como as xornadas son moi pequeniñas as empresa adoitan pasar destes temas e hai compañeiras que levan décadas traballando e nunca fixeron revisións médicas. Agora temos problemas para que se cumpra ata nos centros grandes”, conta Marta, quen incide en que o gran responsable nesta eiva é o desleixo de Correos, que non esixe a documentación de prevención para adxudicar o servizo.

Tamén houbo problemas na subrogación coas xornadas (xente dada de alta menos horas das que tiña antes, complementos como antigüidade ou transporte que non se incluían….) e que houbo que ir corrixindo aos poucos e que en moitos casos, hai que reclamar na vía xudicial.

“Os problemas na limpeza de Correos afectan en Galicia a unhas 300 traballadoras pero seguen sendo silenciados”

“Están aplicando recortes – denuncia a traballadora -. Cando unha compañeira se xubila ou marcha a que a substitúe entra a traballar con menos horas de xornada. Para cubrir vacacións igual. As miñas compas están de baixa e teñen 8 horas e a susbtituta 5 e 24 minutos”.

Os problemas na limpeza de Correos afectan en Galicia a unhas 300 traballadoras pero seguen sendo silenciados, afectando a un sector feminizado, precarizado e parcializado.

Dende a CUT seguiremos defendendo a reinternalización de todos os servizos públicos externalizados para unha xestión e control directa do traballo, garantindo unhas condicións de traballo dignas. Rescate dos servizos públicos XA!