Todas as docentes recoñecemos que existe un problema non resolto arredor das titorías de grupo. As leis educativas e a administración recoñecen a importancia da acción titorial e obrígasenos a ser competentes á hora de ser titoras.
As organizacións da Mesa Sectorial de educación lograron no ano 2006 un acordo no que se pasou a pagar o complemento de acción titorial a todo o profesorado que desempeñase a tempo completo algunha función a maiores da súa labor docente: dinamización da biblioteca, TICs, proxectos de todo tipo, etc. e para todo o profesorado de primaria con daquela, 21 horas ou 18 horas en secundaria. Este acordo supuxo un avance incuestionable cara o recoñecemento do noso labor alén da docencia directa.
Pero hai unha eiva neste acordo: incluír a acción titorial de grupo en Secundaria como un labor equiparable ás demais listadas, cando non o é nin en reducións horarias para o seu desempeño nin en carga efectiva de traballo e convértese nun traballo nada atractivo e obrigado a facer ao último en entrar pola porta en moitos dos casos.
Atopámonos por tanto cun dobre problema: quen ten que ser designado titor de grupo e que recoñecemento ten ese labor. Con respecto á súa designación, isto figura no ROC (Regulación Orgánica de Centros):
Artigo 58º
- A titoría e orientación do alumnado formará parte da función docente. A función titorial e orientadora do alumnado desenvolverase ó longo de tódalas etapas e ciclos formativos.
- Nos institutos de educación secundaria haberá un titor ou titora por cada grupo de alumnado. O titor ou titora será designado polo director ou directora, por proposta do xefe ou xefa de estudios, oído o xefe ou xefa do departamento de orientación, entre os profesores e profesoras que impartan docencia a todo o grupo.
O Artigo 58 deixa ao libre albedrío do equipo directivo a súa designación. Fala este artigo de escoitar aos Departamentos de orientación e didácticos do centro, pero non establece ningunha preferencia, prelación ou indicación clara para tal nomeamento, que nin sequera ten a consideración de cargo, a pesar da responsabilidade e funcións que leva aparelladas. Non é casual que en moitas ocasións esta ingrata labor recaia no persoal provisional, especialmente nas interinas, e nos cursos máis problemáticos ou de maior número de alumnado e con máis necesidades e horas de traballo. O persoal definitivo evita sempre que pode asumir este labor ou asumir cursos de bacharelato máis fáciles e ao final o problema acaba nas máis precarias: as recén chegadas que nin coñece o centro nin o alumnado. Un xogo perverso ao que nos obriga a administración por intentar non ser un tonto útil pola súa incompetencia. Nin uns nin outros deberían ter que verse nesta tesitura sen estar sometida a criterios puramente pedagóxicos, polo que primaría a continuidade no centro ou grupo para ser titor, tal e como se fai nos grupos de Infantil e/ou Primaria. Pero certo é que ninguén ten por que asumir unha carga de traballo tan tediosa sen criterio e sen recoñecemento algún.
O ROC (Regulación Orgánica de Centros) establece a designación e as seguintes funcións para os titores de grupo no seu artigo 59:
Artigo 59º. 1. Cada profesor titor, ademais das súas tarefas docentes específicas, realizará, cando menos, as seguintes funcións:
a) Participar no desenvolvemento do plano de acción titorial e nas actividades de orientación, baixo a coordinación do xefe ou xefa de estudios e en colaboración co departamento de orientación.
b) Proporcionarlles no principio de curso, ó alumnado e ós pais e nais, información documental ou, no seu defecto, indicar onde poden consultar todo o referente a calendario escolar, horarios, horas de titoría, actividades extraescolares e complementarias previstas, programas escolares e criterios de avaliación do grupo.
c) Coñece–las características persoais de cada alumno e alumna a través da análise do seu expediente persoal e doutros instrumentos válidos para conseguir ese coñecemento.
d) Coñece–los aspectos da situación familiar e escolar que repercuten no rendemento académico de cada alumno e alumna.
e) Efectuar un seguimento global dos procesos de ensino-aprendizaxe do alumnado para detectar dificultades e necesidades especiais, co obxecto de busca-las respostas educativas adecuadas e solicita-los oportunos asesoramentos e apoios.
f) Coordina–las adaptacións curriculares necesarias para alumnos e alumnas do seu grupo.
g) Facilita-la integración do alumnado no grupo e fomenta–la súa participación nas actividades do centro.
h) Orienta–lo alumnado dunha maneira directa e inmediata no seu proceso formativo.
i) Informar ó equipo de profesores do grupo de alumnos e alumnas das súas características, especialmente naqueles casos que presenten problemas específicos.
j) Coordina-lo axuste das diferentes metodoloxías e principios de avaliación programados para o mesmo grupo de alumnos e alumnas.
k) Organizar e presidir as sesións de avaliación do seu grupo.
l) Favorece–lo proceso de maduración vocacional orientando e asesorando o alumnado sobre as súas posibilidades académicas e profesionais.
m) Colaborar co departamento de orientación do instituto nos termos que estableza a xefatura de estudios.
n) Colaborar cos demais titores e co departamento de orientación no marco dos proxectos educativo e curricular do centro.
ñ) Orienta-las demandas e inquedanzas do alumnado e mediar, en colaboración co delegado do grupo, ante o resto do profesorado, alumnado e equipo directivo nos problemas que se presenten.
o) Informar ó alumnado do grupo, ós pais e nais e ó profesorado de todo aquilo que lles afecte en relación coas actividades docentes e o rendemento académico.
p) Facilita–la cooperación educativa entre o profesorado e os pais e nais dos alumnos e alumnas.
q) Exercer, de acordo co proxecto curricular, a coordinación entre os membros do equipo docente.
r) Cubri–los documentos oficiais relativos ó seu grupo de alumnado.
s) Controla-la falta de asistencia ou puntualidade do alumnado, e ter informados os pais e nais ou titores e o xefe ou xefa de estudios.
t) lmplica–las familias nas actividades de apoio á aprendizaxe e orientación dos seus fillos.
u) Atender, xunto co resto de profesorado, os alumnos e alumnas mentres estes permanecen no centro nos períodos de lecer.
Nin máis nin menos que son 22 as funcións atrubídas ao titor/a de grupo. Esa competencia sáenos do lombo e á Consellería de balde. Que recoñecemento hai deste traballo? Que tempo dedicamos a esta función? As titorías de grupo nin están recoñecidas economicamente nin teñen un reflexo real no horario do profesorado, cando todas sabemos que dedicamos moitas horas, a maioría extra, a esta función:
– A hora semanal de titoría: preparala leva tempo e require flexibilidade e capacidades pedagóxicas máis aló do labor docente.
– A burocracia: xustificación de faltas, informes múltiples e incidencias diarias (partes de comportamento, enfermidades, etc).
– O trato coas nais e pais: o titor está obrigado a manter un contacto permanente cos pais e nais, e expoñerse a eles. Para máis a hora de atención no horario dada como a calquer outro docente do grupo, é un atropelo en toda regra ao tempo e e labor empregado na titoría por un titor/a. Ademais, é imposible de respectar: por un lado moitas nais e pais non poden acudir nese horario e por outro, temos que atender a varias citas semanais, índonos a establecer horas de pais/nais á marxe do noso horario.
– O trato co grupo-clase: ser responsables do bo funcionamento e o bo clima entre o noso alumnado. Tratar cos problemas de convivencia e, en moitos casos, exercer de nais e pais do noso alumnado, facendo un seguimento emocional e implicándose na problemática de cada fogar.
Por todo o exposto esiximos o recoñecemento da labor do titor/a de grupo como unha carga de traballo e desempeño diferenciado e extraordinario, sendo unha das funcións máis importantes durante a Educación Secundaria Obrigatoria e tamén no Bacharelato e Ciclos, aínda que en menor medida. Esiximos que se faga un nomeamento como cargo, coa súa correspondente redución horaria que non debe ser menor de 3 horas semanais e específicas para o titor/a de grupo, para labores en exclusiva da súa titoría: burocracia e reunións con familias, co Departamento de Orientación, etc. E tamén pedimos a retribución económica suplementaria como calquera outro cargo do centro (Xefatura de Departamento, Dinamizador Lingüístico, etc).
Non é de recibo que se esquilme laboralmente aos titores/as que son obrigados a traballar moitas máis horas e desenvolver moitas máis competencias de maneira totalmente gratuíta.
POLO RECOÑECEMENTO DAS TITORÍAS DE GRUPO