As mulleres nos SEIS: análise dos procesos selectivos desde unha perspectiva profesional e acorde á singularidade dos postos a cubrir na función pública

538

O servizo de prevención e extinción de lumes non ten xénero. A resistencia, as habilidades sociais, a forza física e psicolóxica, os coñecementos, a perspicacia, a axilidade… non teñen xénero. Entón, porque seguimos pensando que o servizo de extinción só está composto por bombeiros e sorprende a presenza de bombeiras?

Hoxe en día aínda existe o estereotipo de que os bombeiros son heroes e superatletas. É certo que unha condición física excepcional propia dun atleta supón unha vantaxe á hora de desempeñar accións concretas, mais por si soas non garanten o desempeño con eficacia dunha profesión na que son precisas outras calidades ás que non se lles dá o valor que merecen como, por exemplo, a capacidade de traballo en equipo.

As persoas que traballan nos Servizos de Extinción de Incendios e Salvamento requiren dunhas características psicofísicas específicas para afrontar a exposición ás diferentes situacións que supoñen a maioría das intervencións: rescates de animais, intervencións en accidentes de tráfico, todo tipo de extinción de lumes (como vivendas en altura ou unifamiliares, garaxes, industriais, forestais ou grandes superficies), actuacións en presenza de mercadorías perigosas, traballos verticais, rescate acuático e subacuático, apeos e apontoamentos… Para realizar estes traballos non é relevante nin o sexo nin o xénero da persoa senón a totalidade das súas cualidades psicofísicas e, para que os procesos selectivos e de prácticas sexan xustos e igualitarios, deben avaliar todas estas características. Non podemos mirar cara a outro lado cando este ano no concello de Vigo se presentaron ás probas de selección 400 homes e só 19 mulleres.

Requisitos físicos

Tantos e tan diferentes labores fan que os requirimentos físicos sexan igualmente variados. Esta é a razón principal pola que é preciso analizar polo miúdo e rigorosamente cada unha delas, para poder decidir cal debe ser o nivel mínimo preciso “que determine obxectivamente que aptitudes psicofísicas son precisas e deseñar unhas probas obxectivas que garantan que se posúen, independentemente do sexo do aspirante”, como moi ben propón a Asociación Nacional para la Visibilidad de la Mujer en Prevención, Extinción de Incendios y Salvamento (Ser Bombera) no artigo con data 14/06/2019 na Servicios de Emergencia. Revista Técnica para Profesionais de Servicios de Emergencia.

Nese artigo apuntan precisamente que a escasa presenza de mulleres nos SEIS é unha das causas responsábeis dun modelo de selección centrado en determinadas condicións físicas, sen ter en conta a amplitude do conxunto de actividades e a totalidade de aptitudes que debe ter unha boa profesional, ou un bo profesional, do servizo de extinción de lumes.

Requisitos psicolóxicos

A profesión tamén implica unha exposición a situacións de emerxencia moi intensas, ás veces traumáticas, que requiren a realización dunha valoración psicolóxica que avalíe o máis obxetivamente posíbel como xestionaremos as emocións e o estrés durante as intervencións e como reaccionaremos a post-intervención, para nos recuperar das situacións e continuar co noso labor. Do mesmo xeito, nesta profesión non teñen cabida as individualidades, polo que son vitais tanto as habilidades sociais tanto para a convivencia como para traballar en equipo.

Formación

E de igual xeito que os aspectos anteriores, a formación é outra parte do proceso selectivo e débese superar o devandito período demostrando a capacidade e habilidade para o desempeño do posto tras o período de prácticas. É preciso marcar os diferentes contidos e que sexan avaliables, cunha duración acorde á variedade de labores que se desempeñan na profesión.

Proba teórica

É outros dos aspectos controvertidos do proceso selectivo. As probas teóricas deberíanse centrar nos aspectos básicos xerais da profesión, ademais dos singulares en función dos potenciais riscos no ámbito xeográfico de actuación.

O temario en cuestión debe ser conciso e relacionado directamente coas diferentes actividades propias da profesión que se desenvolverán durante o período de prácticas, e non un simple método de discriminación durante o proceso selectivo, con contidos xenéricos, excesivamente extensos e sen relación directa. O temario necesariamente debe ser público e gratuito para todas as persoas aspirantes, polo que se fai imprescindíbel a realización doutro estudo rigoroso elaborado coa participación dos propios profesionais con material gráfico actualizado e contidos relacionados coas actividades que se levarán a cabo.

Resumindo: hai que certificar que as persoas aspirantes cumpran uns requisitos psicofísicos mínimos calquera que sexa a súa condición sexual, garantir que as probas do proceso selectivo -xunto co de prácticas- sexan obxectivos, concisos e transparentes e evitar calquera tipo de discriminación no proceso.