As Marchas da Dignidade culminan nunha gran manifestación multitudinaria

83

Desde a Central Unitaria de Traballadores/as consideramos un éxito rotundo a multitudinaria manifestación de onte en Madrid que demostra a capacidade dos sindicatos alternativos e dos movementos sociais para producir os cambios políticos que precisa a clase traballadora en Galicia no estado español.Na CUT consideramos desde o primeiro momento unha necesidade estratéxica da nosa organización participar de maneira activa neste movemento de masas posto en marcha desde abaixo por aquelas organizacións obreiras e cidadás do estado español máis insubmisas coa actual orde de cousas imposta pola patronal e o gran capital en Galicia, España e Europa. Dámoslle especialmente os parabéns á nosa afiliación que amosou, unha vez máis, a calidade férrea do seu compromiso e unha inmensa capacidade de traballo que foi quen de tronzar, xunto co esforzo conxunto do resto de organizacións convocantes, o silencio informativo, o boicot das grandes centrais sindicais e o e discurso derrotista instalado en boa parte da clase obreira galega.Onte deu comezo unha nova xeira para a clase obreira no estado español. Tras corenta anos de entreguismo e traizón continuada aos nosos intereses  por parte das grandes centrais sindicais, onte demostrouse en Madrid que o poder conxunto da multitude de organizacións e colectivos que formamos parte das Marchas da Dignidade temos capacidade sobrada para impor a nosa propia axenda sen o consentimento ou o amparo das grandes centrais, para mobilizar grandes masas populares en clave antisistema, para reclamar o noso lexítimo dereito a unha vida digna como clase e como nación fronte a ofensiva combinada do gran capital español, galego e internacional.Onte comprobamos en Madrid que o cambio social en España e en Galicia só pode chegar das mans daquelas organizacións sociais que o sistema non foi quen de comprar ao longo das últimas décadas, aquelas que lle  presentan resistencia con todas as súas forzas. Comprobamos que as ferramentas da clase obreira para o século XXI son as mesmas daquela Primeira Internacional fundada por Marx e Engels en 1864, hai agora cento cincuenta anos: internacionalismo proletario, mobilización continua, folga xeral e horizonte revolucionario. A loita da clase obreira, cando ben organizada e articulada, amósase, de novo imparable.Viva a loita da clase obreira!Viva Galicia ceibe e socialista!
Nesta ligazón podes acceder a unha galería de imaxes da Columna Galega das Marchas da Dignidade en Madrid (Xabicas).