As compañeiras da limpeza do Hospital Clínico de Compostela, do Hospital Gil Casares e do Hospital Provincial de Conxo retomaron tras o parón do verán as mobilizacións contra os reiterados incumprimentos da actual adxudicataria do servizo de limpeza -ILUNION LIMPEZA e MEDIO AMBIENTE-.
A concesionaria non aboa a carreira profesional nin os pagos da nocturnidade, que o persoal se ve obrigado a reclamar nos xulgados. Tampouco concede os denominados “Días Covid”, establecidos para compensar os esforzos titánicos das traballadoras na pandemia, e que si son concedidos ao persoal do SERGAS.
Denuncian as traballadoras tamén saltos na bolsa de contratación, que Ilunion manexa ao seu antollo.
“No mes de setembro saíu o novo prego de contratación do servizo de limpeza con prezos de custo moi reducidos e un importante recurte de horas de prestación de servizo, o que podería derivar en menos postos de traballo e sobrecarga das traballadoras que queden.”
Os comités destes centros hospitalarios pediron a mediación do SERGAS -que fixo oídos xordos- e ao Consello Galego de Relacións Laborais, mediación rexeitada por Ilunión.
No mes de setembro saíu o novo prego de contratación do servizo de limpeza con prezos de custo moi reducidos e un importante recurte de horas de prestación de servizo, o que podería derivar en menos postos de traballo e sobrecarga das traballadoras que queden.
Dende a CUT urximos á reinternalización dun servizo básico como é a limpeza hospitalaria, para aforrar custos en intermediarios e investir eses cartos na mellora do servizo.
Chamamos asimesmo a todas as traballadoras e á cidadanía en xeral a apoiar as mobilizacións previstas o vindeiro martes, 17 de outubro, diante do CHUS e o xoves 19 diante do Hospital Provincial, así como unha concentración o xoves 26 de outubro diante da sede da Xunta de Galicia (San Caetano) na defensa dun servizo público básico para a nosa saúde.