As invisibles somos o motor da vida

312

Cando o ano pasado decidimos ir á folga un domingo non o dubidamos, porque somos moitas as que traballamos ese día, as que non poderíamos secundar unha xornada de loita e reivindicación porque, coma sempre, somos as esquecidas, as precarias, as ninguén.

A pandemia volveu facer máis evidente que nunca que sen alimentación, sen sanidade, sen condicións hixiénicas, sen coidados fóra e dentro dos fogares, todo morre. Somos as mulleres quen historicamente os levamos ás costas e fomos as mulleres, traballadoras dos sectores esenciais, os máis feminizados, os peor remunerados ou sen remuneración algunha, quen estivemos en primeira liña enfrontándoa: as limpadoras dos hospitais, as traballadoras do fogar propio ou alleo, as traballadoras das residencias, as traballadoras da alimentación…

Así que chegadas a este 8M pandémico volvemos ás asembleas e ás rúas. Máis cansas, máis precarizadas e máis cabreadas. Mais tamén contentas de mirarnos e facer fronte xuntas, organizándonos e coidándonos.

Son innumerables as nosas reivindicacións: a estafa do teletraballo como medida de conciliación que  nos somete a un estrés constante mentres lle aforra custos á patronal; a ausencia de protección laboral das traballadoras sexuais que as condena, agora aínda máis, a situacións de desamparo; as traballadoras do fogar confinadas cos seus explotadores; as limpadoras de hospitais sen acceso prioritario ás vacinas e as traballadoras centros de maiores, de menores, escolas e centros de ensino sen EPI; as infinitas esperas e trámites burocráticos para as que quedamos sen emprego e precisamos a xa miserenta contía do Ingreso Mínimo Vital; os centos de ERTE con cargo aos cartos de todas; a Lei de Estranxeiría coa face da policía e o exército perseguindo as compañeiras migrantes e racializadas na rúa.

Todas nós, mulleres traballadoras dentro e fóra dos fogares, migrantes, racializadas, trans, diversas, somos tamén as obreiras que estivemos sostendo as nosas familias, amigas e veciñas diante do abandono das institucións. As que organizamos a subsistencia da comunidade nas vilas e nos barrios mentres se nos deixaba á deriva e se protexía o capital, na súa enésima crise. Somos tamén moi conscientes das dificultades que este ano tivo para todas. Berraremos tamén por aquelas que non poden estar.

Este ano chamamos á folga por cuarto ano consecutivo para poñer a vida no centro. Polo fin da precariedade das nosas vidas. Para esixir existencias dignas para todas, para coller a man das mulleres nas marxes e erguernos xuntas, para sinalar os culpables.

Todas con dereitos, ningunha con medo!