As condenadas do capital: muller, pobre e racializada

202

No estado español actualmente hai máis de 4.500 mulleres presas, case un 8% máis que en Europa.

Este 25 de novembro, Día contra a Violencia Machista, queremos denunciar a situación que padecen as mulleres encerradas nas prisións, nos CIEs (Centros de Internamento de Estranxeiras) ou nos centros de menores. Son persoas ás que de xeito cotiá maltrata este sistema, que acredita no castigo mentres lle chama reinserción.

Os cárceres, os centros de internamento para estranxeiras, os centros de menores… Todos son espazos precarios, ananos, sen ningún tipo de comodidade para vivir. Son un invento pensado por e para os homes (como o é todo nun sistema patriarcal). As mulleres chegamos tarde aos cárceres, a nós historicamente tocábannos as fogueiras, os psiquiátricos, os conventos… Até que chegaron os cárceres para mulleres, con pouquísimos recursos, cunhas ofertas formativas aínda máis carentes que as dos homes… A única oferta formativa aínda hoxe -a finais de 2022- nas cadeas femininas segue a ser a reducida á costura ou á limpeza, todo moi da sección feminina de tempos pasados. Xa dixemos que cárceres de mulleres aínda hai poucos e isto obriga ás presas, moitas veces, a estar recluídas lonxe do seu núcleo de convivencia; non digamos se por riba es presa, estranxeira ou menor e se es ou queres ser nai, porque aí o sistema xa se ceba por completo contigo, como ousa esa mala muller ser nai?

Co aumento da poboación reclusa, vemos tamén que o que aumenta exponencialmente é o número de presas que proceden do sur global, que as ciganas siguen sendo un colectivo moi castigado, que elas -as migrantes e racializadas- conforman case o 50% da poboación encerrada… E os delitos? Maioritariamente son contra a propiedade ou por drogas. Isto tennos que facer pensar sobre que saída teñen as mulleres expulsadas ás marxes do sistema. É delito roubar para sobrevivir ti e a túa comunidade? Que delito é ser pobre? A estas mulleres xa de por si marxinadas por seren mulleres pobres, migrantes e racializadas, temos que engadirlle a hostilidade cara estas comunidades nos medios de comunicación, con prexuízos, etiquetaxes e criminalizacións previas. Cada vez que se reforma o código penal hai un endurecemento de penas para os delitos máis leves, que son os cometidos por mulleres. Que futuro lle espera a calquera destas mulleres fóra da prisión se a esta tripla marxinación lle sumamos agora a de ex-convicta?

Se traballar xa é difícil para moitas das mulleres nas marxes (de aí que acaben sendo putas, ladroas, facendo de mulas…), que lles espera nas cadeas? O seu traballo nos cárceres -igual que pasa fóra deles- é aínda máis sexista e tamén está peor pagado. Isto fai que moitas destas mulleres, bravas e obrigadas a se volver brutas, polas circunstancias de vida, loiten por sobrevivir; tanto é así que as mulleres teñen máis sancións por desobediencia. Por desgraza, tamén sufrimos maior intento de suicidios, maior número de sobredoses e maior psiquiatrización, entendemos -porque disto non se fala- que ten que ver con violencias diarias, que moitas das mulleres presas (máis do 70%) foron vítimas de violencia de xénero, con enfermidades mal tratadas ou sen tratar.  Porque estar enferma no talego, nun centro de menores ou nun centro de internamento é o máis normal… E o máis normal é que te deixen seguir enfermando. A saúde xinecolóxica é unha odisea para unhas mulleres que moitas veces non foron nunca a un xinecólogo (e non porque non o necesitaran…) nin a ningún especialista de calquera tipo, porque lembremos que aínda que sanidade no estado español é pública, deixa fóra moita xente, por distancia, por descoñecemento, por vergoña, porque non teñen papeis e temen a expulsión…

Este día queremos lembrar que as violencias que sufrimos todas todos os días están multiplicadas nas pequenas celas que habitan esas máis de 4.500 mulleres no estado español e case 12 millóns no mundo. A maior parte delas están ou foron condenadas por seren mulleres migrantes, racializadas e pobres. Unha sociedade que acredita no castigo é unha sociedade sen futuro, pero nada temos que esperar mentres existan clases, porque xa ben berramos que non pode ser… Que non pode ser que permanezan obreiras nas cadeas e corruptos no poder… E así será ata a abolición das clases. Mentres, fagamos un canto e un berro de liberdade que traspasen muros e cheguen ás nosas irmás nos centros penitenciarios, nos centros de menores e nos CIE(s). A violencia é o castigo e o illamento. Non estades soas!!!