Aríns, a batalla que non acaba aquí.

89

Cun saldo de sete persoas identificadas e ameazadas de sanción, unha persoa detida, varias agredidas e a familia expulsada da súa vivenda, a loita en defensa do teito de Carlos e María continúa.As últimas 48 horas antes do desafiuzamento da parroquia de Aríns foron para a negociación mais tamén para preparar un exercicio colectivo de dignidade: a defensa da casa de Carlos e María deica as últimas consecuencias.A representación do usureiro-prestamista que solicitou do Xulgado o lanzamento destes veciños e veciñas, pretendeu gañar tempo coa promesa de que se suspendería e se abriría un prazo para negociar en Sede xudicial (ao tempo que se procuraban opcións de realoxo), para demostrar finalmente, poñendo como condición inasumíbel a retirada da denuncia de estafa que a familia interpuxo, que o seu interese non é outro que tirar máis e máis lucro da miseria destes traballadores e traballadoras.Xa en mesas de negociación, xa acompañando á familia ao longo de semanas, xa durmindo no propio fogar onda eles e elas, xa pendurando carteis ou mesmo en alerta permanente, xuntanzas, convocatorias, concentracións, etcétera, foron moitas as persoas solidarias que fixeron posíbel debuxar un proceso colectivo de loita en defensa da vivenda como dereito, demostrando que a solidariedade como veciñas e veciños, e o compromiso como traballadoras e traballadores, é a nosa mellor arma.Na xornada previa sumóuselle aos esforzos de Stop Desafiuzamentos e ás solidarias que durante dúas xornadas detiveran o lanzamento, un chamado das centrais sindicais do país (CIG, CUT e CNT) que falaron con claridade “É incalculábel o sufrimento dunha familia obreira diante deste tipo de ameazas, e por iso as centrais sindicais nos comprometemos a contribuír no que poidamos á inmediata solución desta situación, coas nosas principais ferramentas, a loita e a solidariedade”. Foron moitos os compañeiros e compañeiras destas centrais que participaron man a man nesta batalla.Unha batalla que tivo dous titulares. O efectivo lanzamento da familia ou o roubo da súa vivenda e a brutalidade policial exercida contra as presentes. Agresións policiais inxustificadas, malleiras, insultos e provocacións, ameazas de sanción, a detención arbitraria da persoa responsábel da negociación, aclaran o panorama de conflito existente no noso País onde a administración, representada no delegado do Goberno Samuel Juárez e a “xustiza”, se deron a man para poñerse ao servizo da usura e da rapina.Mais a Policía por si soa non desafiuza a ninguén. Hai un amplo entramado de secretarios e secretarias xudiciais, oficiais, cerralleiros/as, bombeiros/as, asistentes sociais, etc. que o fan posíbel. Por riba do emprego está a dignidade. Ningún traballador ou traballadora pode facer a vista grosa diante desta realidade ou esquecer isto. Ningún traballador ou traballadora pode xustificar baixo ningunha condición colaborar na expropiación da vivenda doutro traballador ou traballadora. Ninguén pode ampararse nas ordes do seu “superior” ou “xefe” para agredir a un compañeiro ou compañeira arrincándolle os seus dereitos máis esenciais, participando do roubo do seu teito.Son tempos de desobediencia. Son tempos de plantarlle cara á patronal tamén na esfera ética e moral. Son tempos para marchar con dignidade e coa cabeza alta. Hai quen está á altura dos tempos e hai quen simplemente, pertenza á clase á que pertencer, é morralla moral e humana.Quen pense este desafiuzamento como unha derrota aínda non entendeu nada. Se non se comprende que a loita en defensa da vivenda de María e Carlos se vai despregar até a última batalla aínda non percibiu toda a dimensión dunha das máis bonitas loitas colectivas pola dignidade e o teito na comarca de Compostela. Mais o tempo colócanos a todos e todas no noso lugar. O noso, o da clase traballadora galega, é a vitoria.