En primeiro lugar reafirmamos a declaración da CUT de hai uns días: os incendios forestais son un crime de estado. Aínda que aos progres e desleigados lles soe a bravata radical, afirmámolo e razoámolo con todas as consecuencias. Os verdadeiros autores e responsables da catástrofe incendiaria son o Goberno de España e a Xunta de Galicia.
Hoxe, en agosto de 2025, nesta fase da historia de capitalismo agónico dominada polo despotismo deslustrado, sintomaticamente, os niveis de alienación dos sectores populares acadaron cotas nunca antes pensadas. Cos medios de des-información –públicos e privados- en mans da oligarquía case na súa totalidade, a mentira campa ás súas anchas como ferramenta diaria que alimenta o noxento relato hexemónico en todos os ámbitos das nosas vidas.
Indiscutiblemente o sistema capitalista, con independencia do xestor de turno -sexa a socialdemocracia ou sexa a dereita extrema-, tenlle tomada a medida á aplicación da doutrina do choque, que no ano 2007 tan ben describiu a autora canadense Naomi Klein. A escritora nesta obra estuda e teoriza de xeito audaz os distintos ensaios da ferramenta de psicoloxía social aplicada a partir dos desastres naturais ou provocados. O ensaio ven a demostrar o paralelismo da aplicación do electrochoque aos enfermos psiquiátricos e o receitario económico represivo da oligarquía.
Naomi Klein describe de maneira absolutamente nidia como os poderes hexemónicos manipulan e disciplinan aos pobos a través da instrumentalización do medo –real ou fabricado- aproveitando calquera desastre natural ou ben xerado artificialmente, co obxectivo final de aplicar o receitario económico da burguesía. Esta “doutrina” que naceu na Escola de Economía de Chicago e tivo como mentor ao Premio Nobel de Economía Milton Friedman, foi experimentada con éxito nos anos 70 en América Latina, na Guerra das Malvinas ou por Margaret Thatcher no Reino Unido.
Pero non se pense inxenuamente que a doutrina do choque so é unha ferramenta que aplican os gobernos chamados de dereita política, porque esta é patrimonio da oligarquía e dos seus intereses. O de menos son os xestores políticos sexan estes de dereita liberal, sexan fascistas ou díganse socialdemócratas. As mostras máis recentes do que estamos a falar foron as políticas practicadas diante da pandemia do Covid 19, durante a guerra da OTAN coa Federación Rusa en Ucraína ou durante a Dana acontecida en Valencia.
A enxurrada des-informativa
O prólogo que antecede a estas liñas non é gratuíto. Na actual catástrofe que asola o País a des-información ten moita máis importancia que os medios de extinción, claro que si. Esta vai desde a manipulación pura e dura de datos; do número de hectáreas queimadas, da cantidade de efectivos, do salario miserable do persoal de extinción, etc. O tratamento sensacionalista e mentireiro para desviar a atención sobre os verdadeiros e únicos responsables. Ou a ocultación e o silencio, si, non dicir nada do que é noticia dramática. Habería que destacar neste apartado o papel da corporación da RTVG que leva o ramo na tarefa narcotizadora.
“A mentira, o ocultamento e a manipulación, aínda que o de agora é un fenómeno de dimensión colosal, non é novo.”
A mentira, o ocultamento e a manipulación, aínda que o de agora é un fenómeno de dimensión colosal, non é novo. A historia dos lumes en Galicia como lacra ven dos anos oitenta e desde aquela os laboratorios de ideas e os seus mercenarios de turno veñen cumprindo o seu papel, foran pseudo periodistas, gobernantes ou lingoreteiros.
Moitos, incluídos insignes progres de distinto ámbito político xa se teñen esquecido cando La Voz de Galicia apuntaba ao Bloque como autor da vaga de incendios nos anos oitenta do século pasado. Outros e outras, incluídos os sinalados anteriormente por Augusto Assia e Carlos L.Rodríguez, esqueceron cando en 1995 o ínclito Fiscal Xefe de Fraga Iribarne, o noiés Ramón García Malvar, sinalaba aos mariñeiros do Morrazo como autores dos incendios.
“O sistema sempre botou man de falsos positivos para xustificar e agachar a súa responsabilidade criminal e o segue facendo”
En fin, o sistema sempre botou man de falsos positivos para xustificar e agachar a súa responsabilidade criminal e o segue facendo agora máis que nunca. O trasno do “incendio intencionado” segue sendo un concepto abstracto protagonista nos medios de des-información, pero no noventa e nove por cento das veces non deron nunca explicado a concreción da intención e sobre todo a autoría dos lumes.
A intoxicación chega a extremos grotescos ademais de perversos. A mestura do sensacionalismo coa mentira adoita ser un bo penso para entreter ao desinformado e alleados. No concello ourensán de Oímbra, en días pasados foi levado ao cárcere un veciño, supostamente pola súa responsabilidade nun lume producido nunha propiedade súa. Este é un caso paradigmático do modus operandi do sistema. Mentres os responsables ríndose de nós desde os despachos ou desde as súas vacacións de verán.
A rolda de prensa de Sanchez Castejón e Rueda.
Na liña de poñer negro sobre branco a importancia da des-información de cara a agochar as responsabilidades, trataremos nun aparte a comparecencia do Presidente do Reino de España e do Presidente da Xunta de Galicia. A conto de que veu esta escenificación? Evidentemente á necesidade de transmitir un xesto de tranquilidade á opinión pública –hoxe acrítica pero mañá pode que rebelde- , unha escenificación moinante que evidencia a mesma política do PSOE que do PP.
Non está lonxe no tempo a mesma actuación do Presidente do Goberno co Presidente da Generalitat Valenciana cando a Dana que asolou Valencia. Paz e compañía enmascarada nun suposto “interese de estado”, aínda que aos catro días o espectáculo acusatorio mutuo enchera as portadas dos periódicos. En definitiva, mais distracción para o pobo incauto.
“Nin Sánchez nin Rueda non nos dixeron nada sobre a axenda para prohibir a plantación de eucaliptos e piñeiros, incluída a instalación de Altri en Palas de Rei.”
Evidentemente nin Sánchez nin Rueda non nos dixeron nada sobre a axenda para prohibir a plantación de eucaliptos e piñeiros, incluída a instalación de Altri en Palas de Rei. Tampouco nos dixeron nada da carencia de medios de extinción e do veto aos hidroavións e helicópteros rusos por parte da UE. Mentres, Margarita Robles compromete o erario público na compra de material militar inútil, incluído ao ente criminal sionista.
Os comparecentes tampouco nos dixeron que diante da escaseza de medios, e fronte á magnitude e o número de incendios, a decisión -acordada non escrita- é so atender as puntas máis perigosas que atenten á vida humana, e o demais deixar arder esperando as chuvias. E, como non ían falar da inutilidade da UME? Alguén pode crer que un traballo tan sufrido como o dos lumes pode enfrontarse con desertores do traballo?
Estamos diante dunha gran farsa onde cada quen –os axentes politiqueiros- teñen o seu papel na escena. Pero a súa idea de política forestal é a mesma, porque entre outras cousas, esta non existe. Non hai política forestal posible que sexa quen de parar esta loucura senón cun cambio de modelo; o demais é mentira ou como mínimo demagoxia barata.
Ao par os axentes secundarios da política sistémica van desenvolvendo o seu papel na mediocridade. A pseudo esquerda exerce de espeques do PSOE cun discurso absurdo que ninguén cre tratando de establecer de maneira oportunista a diferenza da política boa do PSOE coa política mala do PP. Na outra banda como extensión do PP, o fascismo segue engordando nun plano diferente utilizando a doutrina do choque para o seu rendemento electoral.

Os únicos e verdadeiros culpábeis
Para entender de xeito cabal a catástrofe incendiaria actual na súa integridade e non caer nas gadoupas do relato hexemónico, ou o que sería semellante -a posición crítica pola vía do reducionismo ou da demagoxia-, temos que analizar o fenómeno na súa complexidade. A metodoloxía de análise e a identificación ordenada dos factores intervintes son determinantes para realizar unha diagnose en canto ao tema que nos ocupa.
Cando falamos de complexidade nos referimos ao bucle de des-información instalado durante anos ao respecto dos incendios forestais que vai mais alá dos mesmos, é dicir, do momento en que o monte é tragado polo lume. Se prescindimos do substrato informativo-cultural que determina o relato dominante absolutamente mentireiro, esta complexidade vense abaixo e o fume que nos impide comprender se disipa.
Desde os anos corenta do século pasado a oligarquía española -e desde fai algo menos, tamén a internacional-, viron no noso hábitat rural todo un nicho de posibilidades de explotación capitalista. No seu día en pleno franquismo, a implantación dos encoros para a produción eléctrica e a plantación de monocultivos de piñeiro e eucalipto para as celulosas e industrias do taboleiro.
“Se fai setenta anos era a necesidade de asolagar vales e plantar piñeiros, hoxe os plans estratéxicos non visibles nin publicados apostan, ademais do sinalado, pola auga, pola mineiría, e polo chan para instalación dos parques eólicos”.
Hoxe os intereses draconianos do capitalismo polos nosos montes téñense multiplicado por vinte. Se fai setenta anos era a necesidade de asolagar vales e plantar piñeiros, hoxe os plans estratéxicos non visibles nin publicados –pero reais- apostan ademais do sinalado pola auga, pola mineiría, e polo chan para instalación dos parques eólicos, mesmo aldeas enteiras se converteron en obxectivo para posible explotación turística.
É así como ao longo do tempo se vai construíndo unha narrativa interesada cuxo principal obxectivo é crear unha conciencia psico-social desleigada nos habitantes do rural. Asóciase o rural á pobreza e á miseria, á escravitude sen posibilidade de cambio. A expulsión dos titulares dos montes veciñais na década dos anos corenta e cincuenta do século pasado, xunto coa emigración masiva produce o abandono de miles de aldeas, producindo tamén unha sensación de fracaso e de esquecemento das orixes.
O que acabamos de dicir ven a ser rubricado co regreso dos emigrantes, ben das persoas físicas ou dos capitais xerados na emigración americana ou europea. Este regreso xa non vai ser á aldea de procedencia, será maioritariamente ás cidades –Vigo e Ourense sobre todo- ou a aqueles pobos que son cabeceiras das bisbarras. O fenómeno social de dar as costas á aldea e ao monte acaba de ser instalado.
A gasolina está ciscada
Co abandono poboacional masivo do rural, co consecuente abandono da economía agraria tradicional e coa plantación masiva de piñeiros e eucaliptos, o combustible xa está ciscado. Só falta un descoido, un fenómeno meteorolóxico ou raras veces un tolo ou un criminal e teremos un incendio en marcha.
“A falta de control e de fiscalización das administracións no acceso ao monte funciona como un factor facilitador.”
É máis, a falta de control e de fiscalización das administracións no acceso ao monte funciona como un factor facilitador. En calquera contexto civilizado existe policía ou gardería forestal con capacidade e autoridade na xestión e no acceso ao monte. Entre nós calquera no monte público ou privado pode facer o que queira sen ningún tipo de restrición: verter lixo, lavar coches, sacar leña, etc.
O cambio climático negado polo primo de Rajoy é unha realidade que se deixa ver de maneira ostensible nos últimos anos. Sen entrar a valorar nin manexar disquisicións científicas aquí, é tamén evidente para calquera menos para as administracións, que os organismos encargados desta materia meteorolóxica levan alertado desde fai anos do que hoxe é unha realidade tráxica.
Como consecuencia das políticas demenciais a nivel forestal as taxas hídricas teñen diminuído drasticamente nos últimos anos. A proliferación do eucalipto, o trazado irracional de pistas forestais ou o asalto masivo de miles de hectáreas polos parques eólicos e os seus acesos, como factores máis importantes pero non os únicos, fixeron que na xeneralidade a humidade montesía decrecera ostensiblemente.
Seguindo a lóxica dunha análise razoada e fundamentada, os fenómenos de calquera tipo –incluso os meteorolóxicos- e por suposto a ecuación que explica os incendios forestais, son a consecuencia da suma de factores diversos, porque os factores illados non sempre explican dito fenómeno; porén a confluencia dos mesmos danos un contexto propicio que si explica o fenómeno analizado.
Na inmensa maioría dos lumes que azoutan o noso País, -e atreveriámonos a afirmar que os de España e Portugal tamén-, son a expresión do que acabamos de dicir: resumen de maneira exacta o afirmado neste epígrafe. Monte abandonado e desecado, máis monocultivos pirófitos e, se lle suman as condicións climáticas como as actuai,s xa temos un contexto mais que axeitado para a proliferación do lume.
O que desde o Réxime chaman, “teses conspiranoicas”.
Desde os distintos sectores do Réxime tratan de silenciar as posicións críticas e científicas sobre a fenomenoloxía dos incendios forestais. Xa falamos dabondo do papel dos medios de des-información. Aínda así, ás veces as teses que cuestionan a narrativa oficial collen corpo e poñen en perigo esta narrativa.
É entón cando os altofalantes do sistema entran a descalificar a quen ousara cuestionar a tese oficial. Dixémolo ao comezar esta pequena reflexión, a posición da CUT sobre a lacra incendiaria foi tildada de bravata radical desde sectores absolutamente ignorantes sobre o que ocorre nos nosos montes e que se autodefinen como politicamente progresistas.
“A orientación estratéxica capitalista a través dos incendios persegue facilitar a mineiría en expansión, as plantas eólicas e máis tarde o saqueo das augas”.
Aos que xogan ao oportunismo, desde esta mesma reflexión ímoslle ampliar datos para que sigan adxudicándonos medallas por estar –segundo eles- no delirio conspiranoide. Pois non o estamos, para algúns será casualidade, para nós non, a orientación estratéxica capitalista a través dos incendios persegue facilitar a mineiría en expansión, as plantas eólicas e máis tarde o saqueo das augas.
Xa o fixeron no seu día tamén cos incendios para abaratar materia prima para as celulosas, aínda que o neguen mil veces. Xa o fixeron fai corenta anos para facilitar a especulación urbanística no litoral das Rías Baixas. Cando son os donos do altofalante é doado convencer ao atrasado e ao colonizado con pseudo argumentos como; Se xa está queimado, agora haberá que aproveitalo. Os que temos memoria lembramos os aterramentos das nosas Rías coa falsa escusa de tapar a ribeira contaminada.

A extinción como negocio
Non fai falla estar na fronte do lume para saber que a día de hoxe a capacidade de extinción está absolutamente superada. Pola imprevisión, pola falta de dirección capaz e pola falta de medios humanos e de parque. Cos antecedentes da lacra incendiaria en Galicia, coa previsión metrolóxica da que dispúñamos todos e todas, isto so é posible desde a planificación perversa e consciente.
A diagnose no sentido amplo do noso monte xa abordada aínda que de xeito breve, levounos á conclusión irrefutable de que este é un medio natural alterado ciscado de combustible esperando arder. Efectivamente na actual circunstancia e nas condicións atmosféricas actuais é moi difícil evitar os lumes.
Esta conclusión lévanos necesariamente a manexar dúas alternativas: a primeira, a asegurar unha política real de prevención durante os trescentos sesenta e cinco días do ano (vixilancia, limpeza, fiscalización de cortas, control de acceso..) e, en segundo lugar, a dotación de medios de extinción profesionalizados e públicos, con recursos humanos tecnicamente preparados e cunha dotación de material móbil e aéreo público.
Hoxe a extinción de incendios sexa a do PP ou do PSOE constitúe un negocio noxento. Todo se fundamenta na contratación a “amigos” dos medios materiais tanto de prevención, de extinción como de reparación. O gasto acumulado do alugueiro de avións e helicópteros é monstruoso. Co diñeiro público empregado nos últimos vinte anos, cambiaría a paisaxe forestal.
O cambio de modelo.
Aínda que algúns sitúen a responsabilidade sen áais na “política de incendios do PP” –que é verdade-, o drama transcende ao nomenclátor partidario para situarse como un mal sistémico construído durante os últimos setenta anos. O problema non é a política forestal nada máis, a cuestión central do drama incendiario é o modelo depredador capitalista que, ou o cambiamos ou non hai solución.
Apuntamos uns cantos correctores –non serían as únicas medidas- para rematar coa lacra dos lumes nun horizonte de vinte anos, non son ocorrencias, son propostas feitas por distintas autoridades entendidas no medio natural:
Prohibición inmediata de plantacións de eucaliptos e piñeiros. Plan de restauración medioambiental dos montes afectados polos monocultivos.
Protección especial con franxas de biodiversidade dos marxes fluviais e das estradas.
Prohibición inmediata da instalación de parques eólicos.
Política de fixación de poboación no rural garantíndolle o equipamento habitacional, equipamento.
Recuperación da terra agrícola dos montes e dos vales.
Planificación comarcal do aproveitamento agrícola, gandeiro e forestal.
Creación dunha gardería forestal profesionalizada e con autoridade.
Ou cambiamos o modelo económico ao par do forestal ou este País seguirá sendo arrasado ano a ano pola cada vez máis grande voracidade do lume. Ou cambiamos o modelo enfrontándonos aos autores criminais dos mesmos ou a desidia acabará sendo colaboradora propiciatoria da vaga incendiaria.












