Na CUT, tal e como levamos facendo dende o pasado mes de outubro, apoiamos de formas diversas o camiño iniciado polas Asembleas posto que se presenta coma un “espazo horizontal, aberto e de base” concibido de forma “asemblearia e participativa onde todas as voces teñen cabida”.
Non podemos esquecer que a CUT Ensino xorde coa aspiración de ocupar un espazo sindical deserto: o das traballadoras e traballadores do ensino que acreditan na democracia de asemblea, na ética e a honestidade obreira e na necesidade de lle facer fronte á brigada de demolición do público.
O curso que remata demostrou que estamos nun novo tempo nas formas de organización e loita do profesorado. O xurdimento das Asembleas Abertas do Ensino Público supuxo a aparición dun movemento ilusionante e un revulsivo para as mobilizacións na defensa do ensino público que complementa o papel dos sindicatos. Debemos perseverar nesa liña e estender as asembleas por todo o territorio galego se queremos que o próximo curso sexamos quen de dobrarlle o brazo á Consellería. Este obxectivo esixe organización, esforzo e continuidade no tempo.
Por outra banda vemos como movementos similares xurdiron noutras partes do Estado demostrando que si se consolidan as asembleas abertas e plurais lograrase situar os problemas do sistema educativo no centro do debate social e acadar melloras e solucións á situación de precariedade que sofre o ensino público na actualidade.
Por todo isto queremos animar a todas as traballadoras e traballadores do ensino a crear, participar, potenciar e colaborar nas asembleas dos seus centros de traballo. A diversidade sindical e de sensibilidades entre o profesorado non debe ser un impedimento senón, máis ben, unha riqueza que fortaleza o movemento e o logro dos nosos obxectivos.
O noso país necesita un cambio que poña fin ás políticas educativas baseadas na precariedade e na austeridade orzamentaria e para logralo a autoorganización do profesorado é unha ferramenta fundamental. Galiza merece unha educación pública e de calidade !!!












