Apoio ao profesorado que está a loitar polo ensino público en Valencia, Catalunya, Aragón…

90

Dende hai xa bastante tempo o profesorado está a unir as súas forzas en diferentes puntos do estado para loitar por un presente e por un futuro mellor no ensino público. A finais do curso pasado, vimos, por exemplo, como en Asturias decidiron convocar unha folga indefinida para que as súas reivindicacións foran atendidas. A unión sindical comprometeu aos cinco sindicatos do ensino asturiano a sumárense a esta folga indefinida. A participación do profesorado nos peches, manifestacións e folgas fixeron dimitir á Conselleira de Educación, Lydia Espina (Dimisión Consejera de Educación). Pero a loita non acabou aí, ducias de equipos directivos desbordados por unha situación insostíbel presentaron a súa dimisión. Finalmente, a folga indefinida desconvocouse ao chegarse a un preacordo entre a consellaría e todos os sindicatos. Neste preacordo (Preacordo cos sindicatos) recolléronse subidas salariais, melloras na atención á diversidade, redución da burocracia, baixada de rateos, melloras nas substitucións etc.

A listaxe de mobilizacións é longa: Cantabria, Euskadi, Madrid, Andalucía, Castela… e a de acordos acadados tamén (Melloras en Cantabria, Melloras en Castela, Melloras en Euskadi, Melloras en Madrid…) Con todo -en Galiza sabémolo ben-, máis alá dos acordos asinados cos sindicatos, é o profesorado quen ten que estar informado en todo momento de calquera negociación para poder validar ou non eses acordos. Sen a supervisión directa do profesorado ningún acordo terá validez real. As melloras deben ser reais, concretas, verificábeis e urxentes.

As folgas tamén chegan a sectores coma o de menores ou o de infantil (0-3 anos), moi ligados ao noso, e que lamentabelmente pasan máis desapercibidos. Na educación infantil tamén están fartas das condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo e neste mesmo mes de maio convocouse a primeira folga a nivel estatal (Folga no ensino infantil) para acadar as melloras que se lles veñen negando: baixada de rateos, melloras salariais, recoñecemento de categoría profesional… Todas as súas demandas resúltannos coñecidas porque en Galiza sufrimos especialmente o impacto da privatización nas condicións laborais destas traballadoras que nin sequera contan cun recoñecemento laboral axeitado (Melloras en menores).

Nestes días, asistimos a máis exemplos de loita. En Valencia, agora mesmo, levan dende o once de maio en folga indefinida. Outra vez moreas de manifestacións e máis de duascentas cincuenta dimisións nos equipos directivos dos centros (Dimisión de equipos directivos). A implicación e firmeza do profesorado está a ser admirábel en Valencia, Catalunya ou Aragón (Mobilizacións en Valencia, Catalunya, Aragón). Ante a dureza de asumir o impacto destas mobilizacións pesa un argumento que se vai espallando por todo o estado: xa non é posíbel traballar así. As profesoras somos conscientes de que o noso oficio non pode ir en contra da nosa saúde, do noso tempo, do noso crecemento profesional nin dos nosos dereitos.

Agradecemos e apoiamos, pois, todas estas loitas que se estenden polo estado. Admiramos a súa organización, planificación e firmeza. Desexamos o seu éxito porque, sen dúbida, os seus avances serán tamén os nosos. Queremos que o profesorado galego viva de cerca todas estas mobilizacións, das que acabamos de dar conta só nunha pequena mostra, e recoñeza o seu valor. Por seren loitas irmás da nosa loita, deberiamos, como pouco, levalas ao primeiro plano dos nosos debates nos centros.

Forza!