Dende a CUT dirixímonos ao colectivo PTFP pola gravidade do comunicado feito onte polo sindicato antiobreiro CCOO, dirixido ao profesorado sen titulación para o paso ao grupo A1.
CCOO foi parte da mesa negociadora no Ministerio e alí e tamén na mesa sectorial galega, tivo a ocasión de xerar mecanismos de protección para o persoal sen titulación, tanto a nivel económico como de continuidade laboral no caso dos temporais.
Porén, decidiron non facer nada nin en Madrid nin en Compostela cando poderían xerar un suplemento salarial, como ocorre en Euskadi, para o corpo a extinguir no caso dos funcionarios de carreira.
En canto ao persoal temporal consolidado sen titulación A1 anterior á data de entrada en vigor da norma, nada hai na mesa sobre fórmulas de permanencia. Esta posición si é coherente e acorde coa súa postura antiestabilización mantida no tempo. Os temporais impórtanlles nada ao sindicalismo que alimenta á patronal.
Pero a gravidade do comunicado reside en que esta organización chama a unha acción administrativa inútil ao carecer de titulación pedindo o cambio a un grupo salarial imposible de acceder e incluso anima a emprender a vía xudicial que xa sabe perdida de antemán, ante 2 normas de rango superior estatal: o propio EBEP e o RD 800/2022 de integración no Corpo de PES.
Chaman ao profesorado a meterse no xulgado do contencioso, sabendo que só unha inversión de milleiros de euros pode levalos ata o Tribunal Supremo para nada, xa que non hai forma de equipararse co grupo A1 sen titulación (EBEP) en ningunha administración, supoñemos co fin único de recadar votos, algún afiliado e cartos mediante a súa asesoría. A única vía posible hoxe é mediante a loita e negociación de suplementos coa administración.
Con respecto ao temporais, con moitas persoas ao borde do despido tras permitir un número de prazas ridículo na estabilización, sen titulación para permanecer no corpo, e coa listas a piques de ser reformadas como xa se tratou en Función Pública, tamén os convidan a ir a un túnel sen saída no contencioso deixando os seus petos baleiros nunha situación de absoluta precariedade laboral.
Os sindicatos amarelos non chaman ao profesorado PTFP (ou aos titulados do 1 ciclo da ESO) a mobilizarse pola súa equiparación e permanencia no posto, chaman a que gasten os seus cartos en avogados nunha batalla que xa saben perdida.
O cinismo sindical non ten límites e dende o sindicalismo de clase non podemos máis que advertir e alertar sobre estes chamamentos que buscan colapsar os xulgados, encher as arcas das asesorías sindicais e baleirar as rúas.
Novamente a única solución para conseguir o suplemento está na negociación sindical, na presión na mesa e na rúa do profesorado. Este é o camiño que o sindicalismo pode tomar nesta situación e non o desgaste económico das afectadas sabendo que nada hai que facer ao respecto en despachos de avogados que levan anos enriquecéndose a costa da desesperación da clase traballadora.
CONSELLO: NON GASTES O CARTOS EN BALDE, ASESÓRATE ONDE ELIXAS, EN SINDICATOS DE CLASE ALTERNATIVOS AO AMARELISMO IMPERANTE E FÓRA DE INTERESES ECONÓMICOS ALLEOS Á TÚA SITUACIÓN
Coordinadora Nacional da CUT Ensino