Altri e Mina de Touro: a mesma lacra e a mesma loita

277

A colosal manifestación en Palas do 26 de maio xunto ás mobilizacións recentes en Marín e Pontevedra contra a factoría de ENCE e a protagonizada polo sector pesqueiro e marisqueiro na marcha marítima na Ría de Arousa demostran que amplísimos sectores non alienados da sociedade galega teñen firme conciencia sobre o verdadeiro significado que tería a instalación de Altri en Palas de Rei.

Doutra banda, fronte á expresión do pobo organizado e en pé, é máis que evidente que a maquinaria do inimigo se está activando. É notoria a actividade do lobby colonial que está a fabricar opinión -non hai máis que repasar a hemeroteca dun mes para acá sobre todo de “La Voz de Galicia”- facendo gala do seu papel nefasto como voceiro dos intereses españois e dos palurdos lambe migallas.

“Non se pode entender a aldraxe do proxecto Altri como a simple perversidade dunha empresa depredadora. O soporte de semellante proxecto so é entendible no contexto dunha política capitalista colonial deseñada nun tempo e un lugar”

Desde a CUT seguimos dicindo alto e claro que non se pode entender a aldraxe do proxecto Altri como a simple perversidade dunha empresa depredadora. O soporte de semellante proxecto só é entendible no contexto dunha política capitalista colonial deseñada nun tempo e nun lugar, como no seu día o foi a instalación de Celulosa-Elnosa na Ría de Pontevedra.

Somos conscientes de que á “progresía” politiqueira –sobre todo aá española- árdenlle os feles escoitar e ler o que acabamos de dicir. Prefiren situar o fenómeno Altri na nebulosa inxenua da casualidade, na perversidade empresarial ou no recurso fácil de adxudicarlle a responsabilidade do proxecto ó PP. Pero isto non é así, porque a razón de Altri enmárcase en toda intencionalidade sistémica, con independencia da cor política circunstancial ou protagónica.

Chegados a este punto, sería como simple exercicio de saúde intelectual, que repasaramos ao respecto do carácter colonialista o razoado e teorizado nos anos 60 e 70 do século pasado polo sociólogo occitano Rober Lafont no seu libriño “Sur la France” ou por X.M. Beiras, en “O atraso económico de Galicia”. Un e outro describen con nitidez as pautas seguidas polo colonialismo interno referidas ás prácticas de sometemento político e económico dos territorios da periferia das metrópolis.

Casualmente –nós pensamos que non- fai uns días a Xunta de Galicia acaba de concederlle á empresa Atalaia Mining a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para a posta en actividade da Mina de Touro-O Pino. Tal declaración constitúe toda unha afronta aos pobos afectados que levan anos e anos reclamándolle á Xunta e á empresa o cumprimento da lexislación aplicable en materia de contaminación. Mexan por nós e hai que dicir que chove.

“Os instrumentos e a narrativa de propaganda da corporación Altri e da empresa Atalaia Mining son os mesmos: marcas corporativas en inglés, a suposta creación de centos de postos de traballo, a industrialización, etc. O penso para ilusos está servido.”

Os instrumentos e a narrativa de propaganda da corporación Altri e da empresa Atalaia Mining son os mesmos: marcas corporativas en inglés, a suposta creación de centos de postos de traballo, a industrialización, etc. O penso para ilusos está servido. Doutos profesores de universidade e sabios columnistas e tertulianos (charlatáns) comezan a disparar. Repasemos La Voz de Galicia, unha vez mais.

Hoxe intencionalmente situamos a centralidade dialéctica no binomio Altri-Mina de Touro para facer doada a análise sobre o que enfrontamos. Pero quedariámonos coxos se non citamos no mesmo plano de razoamento a instalación masiva da lacra eólica que inza os outeiros montesíos e os proxectos dos parques eólicos mariños no Ortegal e fronte á costa de Oia, expresións todas elas do mesmo deseño e da mesma política.

“Non cabe outra que a unidade obreira e popular para enfrontar o que xa temos enriba. O proxecto Altri, a Mina de Touro, a permanencia de Ence, a eucaliptización e os Eólicos son cabezas de diferente pelaxe pero da mesma serpe.”

Non cabe outra que a unidade obreira e popular para enfrontar o que xa temos enriba. O proxecto Altri, a Mina de Touro, a permanencia de Ence, a eucaliptización e os Eólicos son cabezas de diferente pelaxe pero da mesma serpe. Só a claridade conceptual pode levarnos á alternativa lúcida que motive ao noso pobo a enfrontarse á agresión colonial.

A CUT estará o domingo día 30 en Compostela para rodear a Xunta de Galicia. Faremos o noso humilde contributo para construír esa unidade obreira e popular en clave nacional que sexa quen de enfrontarse con éxito a Atila en Galicia.