Semella que de sócato xurdiu o debate sobre a turistificación. En parte pola intelixencia política de quen o propón, en parte polo fastío e tamén, como non, porque ese debate quere servir ao interese do poder de criminalizar a democracia en Catalunya. Quizais comecemos a nos decatar de que nos están a saquear, de que os nosos territorios, os nosos países, as nosas cidades e as nosas vilas xa non son nosas. De que o modelo económico pregado ao turismo nun país como o noso terciarizado e “ao servizo de…” está a someternos a unhas lóxicas na que nos negamos a sobrevivir: a explotación laboral e os salarios de miseria na hostalaría (¿Que desea usted? Do you understand?), no comercio e no sector servizos como un conxunto. Á precariedade laboral como unha norma patética que nos esfola. Ao alprazolam que substitúe ao sorriso.
Non hai que renunciar á ira, a expresar abertamente o malestar polo que nos é roubado. Podemos, e debemos, declararnos abertamente turismofóbicas.
Exprópiasenos dúas veces a man de obra. A primeira, porque o traballo asalariado é expropiación, deshumanización, saqueo. Porque o traballo asalariado é a nosa conversión en mercadoría. Pero agora tamén porque toda esa morea de servizos que prestamos, con esforzo, con dedicación, con coidado xa non son para nós, xa non son para “os nosos e as nosas”. Porque eses servizos son para un terceiro, para unha terceira, que nos devora coa mirada, que nos consume nunha tortura de selfies e bromas pesadas. Non podemos defender unha sociedade de servizos que non estean prioritariamente ao dispor das nosas vidas.
Turistificación e hipsterización presionan sobre os prezos para expulsarnos, tirarnos do medio, afastarnos. E enviarnos ás zonas urbanas con peores estruturas, con peores servizos, peor dotadas. Ese fenómeno coñécese como xentrificación e está a pasar. Aquí.
Entretanto, no ámbito urbano, súmaselle á turistificación o seu reverso amable: a hipsterización das cidades e da economía. Ese fenómeno segundo o cal as clases altas, adobiadas de modernidade extrema, se fan con amplas áreas da cidade, polinizan os centros urbanos e expulsan á clase traballadora aos arrabaldos cunhas dupla estratexia: a suba insostible dos prezos dun comercio que non responde a necesidades básicas e o aumento desproporcionado duns alugueiros que non son para nós. Turistificación e hipsterización presionan sobre os prezos para expulsarnos, tirarnos do medio, afastarnos. E enviarnos ás zonas urbanas con peores estruturas, con peores servizos, peor dotadas. Ese fenómeno coñécese como xentrificación e está a pasar. Aquí.
Fóra do espazo urbano e sobre todo na nosa costa, por máis que encirren en negalo, o sometemento do territorio ao modelo turistificado xa é unha realidade. Dende as grandes vilas de cemento como Barreiros aos luxosos complexos residenciais en primeira liña de mar cunha Lei de Costas deseñada á súa medida e cunha franxa costeira saqueada. Tanto ten que sexa o Hotel ou que sexan os portos e complexos deportivos: xa ninguén lembra Massó no Morrazo? O esforzo que houbemos facer por paralos? Pero tamén no interior, os espazos que teñen valor paisaxístico, ecolóxico, patrimonial, histórico, artistico, cunha forte compoñente de memoria, deixan de ser nosos de vez.
Non hai que renunciar á ira, a expresar abertamente o malestar polo que nos é roubado. Podemos, e debemos, declararnos abertamente turismofóbicas. Nada pasa por declararnos en guerra contra ese modelo.
A principal característica dun territorio entregado ao turismo é que “todo” molesta: molestan as pobres, molestan os músicos de rúa, molestan as pintadas coas que seguimos a recordarlles que a súa vitoria non é definitiva, molesta que as pícaras xoguen á pelota, molestan as manifestacións, molestan (por suposto) as folgas, molestan os contentores queimados, molesta que os veciños carguen os tendais das cores da vida cotiá, molestan as manteiras, molestan as partidas de dominó a pé de rúa e molestan os espazos de vida colectiva, molestan os parques e molestan os bancos de madeira. Molestámoslles. Pero non estamos dispostas e dispostos a desaparecer.
Desafortunadamente o tempo que nos toca é o de recuperar o que deixamos, desarmados e desarmadas, que nos fora roubado. E temos por diante a recuperación do espazo público, a demolición do parque temático, a construción dunha “cidade” para nós e non para os outros, nos termos do tema de Sergio Godinho “Que força é essa”.
Os nosos odios están ben dirixidos, atravesados polo noso dereito a vivir unha vida digna e vivible. Non hai que renunciar á ira, a expresar abertamente o malestar polo que nos é roubado. Podemos, e debemos, declararnos abertamente turismofóbicas. Os odios da clase dominante son un segredo a voces: detestan e dámoslle noxo as e os pobres por moito que somos a súa man de obra abaratada. Por iso queren converter o noso espazo público nun parque temático ao servizo do seu lucro custe o que custe. Non pasa nada se nos declaramos en guerra contra este modelo. Non pasa nada se nos reapropiamos do seu retrato maniqueo no que somos traballadoras e traballadores cheos de odio. Nós sabemos que a sede de xustiza, igualdade e democracia popular é a que nos sostén e nos dispara para diante. Aínda que eles e nós sabemos que todo isto que agochan en palabros inventados como “turismofobia” é o que sempre foi: pura e dura loita de clases.