Estamos xa a menos de dous meses para a finalización do prazo legal dos procesos de estabilización nas administracións públicas de todo o estado. O 31 de decembro teñen que estar finalizados ditos procesos e cumprir o seu obxectivo: dar estabilidade aos milleiros de temporais contratados en fraude de lei tras anos de desempeño laboral no seu posto de traballo.
A pesar da proximidade do prazo, no ensino galego seguimos sen lograr o obxectivo que marcou a Lei de Estabilización xa que centos de docentes non foron estabilizados nos procesos creados baixo o seu amparo.
Dende a nosa organización, como promotora da susodita lexislación, denunciamos ante o TSXG a tropelía cometida pola Consellería de Educación e Mesa Sectorial na irrisoria oferta de prazas que levou a moitas destas compañeiras a permanecer en situación de precariedade laboral, en contra do obxectivo da Lei.
O TSXG derivou a responsabilidade da oferta insuficiente ao Tribunal Supremo ante o que presentamos o pertinente recurso de casación en defensa das nosas compañeiras.
Porén, a día de hoxe seguimos á espera da fixación da data de xuízo e consecuente resolución da nosa demanda que debe abrir o camiño á estabilidade para os docentes precarizados.
Dende a CUT sabemos que o proceso é longo e tedioso pero seguimos a manter firme a nosa exixencia, tanto ante o TS coma no noso día a día e facemos un chamamento á Mesa Sectorial para que reconsidere a convocatoria dunha nova oferta de estabilización antes de fin de ano que mingüe o desgaste laboral e anímico dos docentes excluídos en fraude de lei.
O silencio das organización sindicais con representación e pasar a vasoira sobre o problema non fai que desapareza e que eses docentes sigan a ter dereito a estabilizar nos seus postos de traballo tras anos de exercicio docente.
Á agarda de novidades do TS, a CUT seguirá loitando polos temporais como elo máis precario do sistema, ao tempo que buscamos as melloras necesarias tanto para o persoal fixo coma o mantemento da calidade necesaria no ensino público.