Admitida no TSXG a impugnación contra a oferta de estabilización docente

707

Na semana pasada o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admitiu a trámite a demanda interposta pola CUT contra a oferta de estabilización docente. O TSXG vén de solicitar á Consellería de educacións os informes pertinentes no seu proceder ante a oferta impugnada (concurso de méritos + concurso-oposición transitorio).

Na nosa demanda denunciamos ante o alto tribunal a aleatoriedade dos criterios empregados no reconto de prazas a estabilizar e o incumprimento das directrices recollidas na Lei 20/21 de Redución da Temporalidade, resultando dos mesmos un número de prazas moi inferior ao que a lei establece e ao número de afectadas.

Lembrar que os criterios empregados pola Xunta e sindicatos foron absolutamente contrarios ao espírito que persigue a norma: a estabilización do persoal temporal de longa duración. A oferta acada só o 30% do persoal afectado, obviando o obxectivo para o que esta lei foi deseñada. Hai especialidades: orientación primaria, Fútbol, Prácticas e Actividades, etc. nas que nin sequera se tiveron en conta as prazas na apliación da lei, algo tamén denunciado nesta impugnación.

A amplitude na interpretación de certos parámetros levou a que na mesa sectorial galega se deran por boas circunstancias nas que as prazas claramente cumpren o disposto na DA6 e DA8: ocupación temporal dende antes de 2016 ou persoa temporal anterior a 2016 na praza actual (sen reserva). Tampouco se cumpre coas prazas da oferta de concurso-oposición transitorio a aplicación correcta da norma.

Dende a CUT non só continuamos camiño do xulgado ante o flagrante incumprimento dunha medida de protección de traballadoras en abuso de contratación, senón que seguiremos batallando para a súa protección mentres sexan aplicados estes procesos infames e consentidos dende o espazo sindical.

Nin as máis duras críticas ao noso intenso labor de militancia ou intentos de desprestixio nun momento sindical delicado cheo de intereses electoralistas, van dobregar a nosa loita, como non o fixeron 4 longos e duros anos no ermo sindical do ensino galego.

A CUT loita nas rúas para lograr por medio da loita obreira evitar entrar en procesos xudiciais con efectos a posteriori e custos económicos elevados, pero en ocasión vémonos obrigados a emprender accións xurídicas de forma complementaria cando a Consellería fai oídos xordos tanto ao clamor das afectadas coma á propia norma.