A Mesa do Parlamento admitiu a trámite a Proposición de lei, de iniciativa popular, Liberemos a Galega!, por unha CRTVG ao servizo do pobo, rexistrada o pasado 11 de setembro. Con este acordo, que declara tamén constituída a comisión promotora, ponse en marcha o proceso para recoller, nun prazo de catro meses, os apoios precisos entre a cidadanía galega (mínimo de 10 mil sinaturas). Está previsto que a recollida de asinamentos comece neste mes de outubro e podería prorrogarse ata principios de 2025. Unha vez obtidos os apoios pecisos, a ILP será defendida e votada no Parlamento de Galicia.
A plataforma en defensa dos medios públicos de comunicación, promotora da iniciativa, que agrupa 40 colectivos e organizacións do ámbito audiovisual, social, cultural, político e sindical galego -entre os que figura a CUT-, despregará durante este tempo unha campaña para conseguir en prazo o obxectivo de sinaturas necesarias, coa instalación de mesas informativas por todo o país e unha campaña de difusión nas redes sociais para dar a coñecer en detalle os contidos da ILP.
Entre as principais propostas desta iniciativa están a designación por concurso público, tanto da dirección xeral da CRTVG como do seu consello de administración, que deberán ser aprobados por unha maioría reforzada das 3/5 partes do Parlamento galego. Apóstase tamén polo desenvolvemento do estatuto profesional e do consello de informativos como ferramentas para intentar garantir o pluralismo e a independencia das profesionais dos medios públicos, ao tempo que se defende unha especial atención á programación infantil e xuvenil, o dereito de acceso de todos os grupos sociais, a promoción e defensa da identidade de Galicia e a súa lingua, o fomento da produción propia e a conservación e custodia do patrimonio audiovisual galego, entroutras medidas para defender uns medios públicos de calidade e ao servizo da cidadanía.
Esta ILP bate frontalmente co anteproxecto de lei de medios do Partido Popular que elimina todo tipo de garantías do pluralismo ideolóxico, protección da lingua, produción propia ou regulamentos internos coma o estatuto ou o consello de informativos para evitar a manipulación informativa.