Adeus a Francisco Latorre

99

Queremos lembralo aquí con moita tristeza. Entrañábel loitador que moitas persoas chegamos a coñecer a través da acampada 15M onde era coñecido con cariño como “Abuelopá”. Con todo, a súa traxectoria remóntase a moito máis atrás. Home sumamente intelixente, decidido, sabía onde e con quen había que estar. Cos de abaixo, claro. Coa xuventude máis consecuente e co asemblearismo organizado e enraizado na unidade popular e de acción. Sen importar siglas, simbolismos, sen prexuízos e sen papanatismo oportunista ou esbardalle fascistoide de bar. Verdadeiramente preocupado polos graves problemas sociais, e non só do colectivo pensionista do que se compracía. Tamén se laiaba, dun modo absolutamente sincero, pola perda de oportunidades da xente máis nova, que o quería. Mirámolo poñer, un día tras doutro, o berro no ceo por todo aquilo que nos está sendo roubado. Polas persoas pacientes a morrer nos corredores dos hospitais, polo timo do euro ou a mocidade emigrada. Fernando significou pra a xente que o tratou unha pelexa constante por aquilo que se nos permitiu acadar grazas á existencia e á razón de ser do bloque socialista. Ese feixe de pequenas comodidades gañadas tamén con sangue e suor traballador que agora se esfarela diante dos nosos ollos. Vinte e tantos anos despois o escenario é outro, certo. Pero non escoitariades outras verbas saír da súa boca: o problema é o capital e o sistema podre de aves de rapina que o sustenta.Asiduo participante das mobilizacións dos venres organizadas por Morrazo en Loita, non se recordan as veces que faltou en dous anos, sempre coa palabra no altofalante. Non, hoxe non faremos moita propaganda da necesidade da mobilización permanente. Abonda a súa imaxe. O panfleto que sempre traía pra repartir, feito da súa man coa precisión do detalle dun miniaturista que dá a luz a súa obra. Un paso tras doutro, coas mans nos petos e o falar cadencioso, ocupaba as últimas posicións durante a marcha pola vila. Ben seguro que ficará na nosa memoria xacendo no panteón das grandes persoas que fixeron máis digno este pobo. Foise, sen dúbida, outro dos imprescindíbeis de Bertolt Bretch.Beizón, Francisco, pola túa incesante contribución, por todo. E que a túa partida non signifique que máis camaradas que sofren o embargue da vivenda ou os recortes non sigan chegando a encher as filas da revolución. Abofé que non, Gamonal e o ronsel que deixa existen. Precisamente, grazas a xente coma ti, poderemos seguir dicindo aquilo de… a loita continúa!