Acto con Cañamero en Vigo

94

O pasado sábado, primeiro de marzo, tivo lugar no salón de actos dos Capuchinos en Vigo un acto público sobre as Marchas da Dignidade que contou coa presenza do secretario xeral do SAT, Diego Cañamero.

A mestra e activista do ensino Mila Bouzón foi a encargada de abrir o faladoiro, que foi introducido e presentado polo actor Cándido Pazó, salientando a necesidade de defender un ensino público, universal e gratuíto como un xeito de garantir a igualdade oportunidades fronte as políticas privatizadoras do goberno do PP. Alén diso, a compañeira Bouzón manifestou tamén o seu rexeitamento á eliminación do dereito das ao aborto que vén de ditar o ministro ultracatólico Alberto Gallardón.

O compañeiro Rafel González, do Sindicato Ferroviario, definiu as Marchas da Dignidade como “ a conxunción da vontade de moitos colectivos do estado español que non queren asumir o pagamento da débeda adquirida polos seus gobernos nos sucesivos rescates bancarios”. “O 22M”, concluíu, “o medo vai cambiar de bando”.

Pola súa parte, Carlota Pérez, quen falou en nome da Plataforma de Afectadxs pola Hipoteca, abundou na oposición do pagamento da débeda adquirida no salvamento duns bancos que están deixando na rúa a milleiros de familias desafiuzadas, e rematou o discurso declarando: “A vivenda é un ben social, non un negocio, e como tal debemos reivindicar o noso dereito a ela”.

Águeda da Estevez tomou a palabra en nome das Xuventudes Comunistas, logo de denunciar a situación de desemprego masivo e precariedade que sofre a nosa mocidade, manifestou: “ No Capitalismo non temos futuro, temos que loitar polo socialismo”.

O secretario xeral da CUT, Manolo Camaño comezou a súa intervención declarando: “Temos que escoller entre a liberación ou a barbarie,e nós optamos pola Revolución, e para iso precisamos ira a unha estratexia de acumulación de forzas”. A seguir, o secretario xeral da CUT explicou a necesidade de concentrar as Marchas en Madrid, “algúns pregúntannos que se nos perdeu en Madrid, por que temos que ir a Madrid, e eu respóndolles, en Madrid perdéusenos, por exemplo, a independencia”, e rematou proclamando “isto non se vai arranxar pola vía electoral, isto só se pode arranxar na rúa, coa unidade na loita da clase obreira”.

O escritor Méndez Ferrín ánalizou na súa intervención os desastrosos resultados da caída do socialismo realmente existente para a clase obreira. “A burguesía agora xa non nos ten medo, e por iso xa non precisa para nada a sociademocracia, e agora estamos na era da explotación aberta e ilimitada”. Méndez Ferrín rematou o seu discurso evocando a Fronte Popular: “Nós somos herdeiros políticos de Castelao que no 36 decidiu integrar o Partido Galeguista no Frente Popular en contra do criterio de toda a dereita nacionalista”.

O encargado de pechar o acto foi o secretario xeral do Sindicato Andaluz de Traballadores quen unha defensa apaixonada da unidade obreira perante a ofensiva privatizadora e expropiadora do Capital: “A súa represión é cada vez máis dura, pero nós temos que unirnos para golpear todos xuntos, para acadar unha verdadeira democracia que poña a economía ao servizo da sociedade”.