Acoso laboral no Servizo de Emerxencias da Mancomunidade do Val Miñor

307

Dende a sección sindical da CUT de bombeiros do Val Miñor queremos informar publicamente da situación de acoso que estamos a sufrir os seus integrantes.

Malia as diversas denuncias ante a Inspección de Traballo dende anos atrás, as cousas parecen non só non mudar, senón que aínda empeoraron. Os traballadores denunciamos que a situación xa é insostible.

As represalias foron incrementándose paulatinamente: comezaron a negársenos dereitos fundamentais relegándonos das funcións que levabamos realizando (algún de nós dende hai catorce anos) e poñendo nesas funcións a outros operarios coa metade de percorrido laboral, elaborando informes calumniosos para que nos expedientasen e obrigándonos a realizar tarefas sen ningún obxectivo claro (tan só para ternos entretidos), ademais de diversas coaccións por parte dos condutores-capaces para que lles fagamos parte das suas funcións. En definitiva, un cúmulo de despropósitos que ocorreron sen que ningún presidente, a pesar de teren coñecemento, fixera nada para acotar a situación.

A última represalia é que, en plena terceira vaga da Covid, se nos comunicou verbalmente (nunca por escrito), que van deixar de chamarnos para facer as desinfeccións dos centros de saúde e tamén para cubrir os reforzos por mor das baixas. Ante tal acción, os traballadores afectados tratamos de concertar unha xuntanza co novo presidente da Mancomunidade (Paco Ferreira) para tratar novamente de arranxar as cousas por vía diplomática, pero non obtivemos resposta algunha.