Despois de dez horas de negociación na Inspección de Traballo en Vigo, onte chegouse a un acordo no conflito da fábrica Antonio Alonso de Bueu. Despois dunha primeira fase que comezou ás nove da mañá, mediada polo Xefe da Inspección, na que se chegou a un acordo previo para deixar sen efecto os seis despedimentos por parte da empresa e a suspensión da Folga, pola parte social. A partir das once da mañá, comezábase unha longa e complicada negociación que rematou ás oito da tarde, so alterado cun receso de consulta e información c@s compañeir@s despedidos.Desde as cinco e media da madrugada, foise formando un gran piquete sindical solidario nas portas da fábrica para garantir o exercicio da Folga convocada para ese mesmo día. Tamén a partir das seis foise formando o piquete da Garda Civil para protexer o primeiro intento de rebentar a Folga por un grupo de esquirois, encabezados pola Xefa de Produción da factoría. Atrás quedaba a xornada do luns onde a empresa a través dun grupo de traballador@s esquirois, simularon un referendo para impedir a Folga. Non foi o único nin o último intento, a empresa tratou por todos os medios de rebentar o conflito ca axuda inestimable de boa parte d@s traballadores. Pero non contaron nos seus cálculos co apoio sindical e sobre todo ca solidariedade masiva do pobo de Bueu. A empresa estaba tocada.Un conflito sindical en branco e negro: AnáliseO acordo chegado entre as partes, como todos acordos despois dunha loita sindical, reflicte sen dúbida a dimensión da panca sindical acadada. Basicamente o mesmo resúmese; a).- Prexubilación de dúas compañeiras. b).- O despedimento cun incremento do 35% nas indemnizacións @s restantes catro compañeir@s. Ademais est@s últimos se encadrarían nunha bolsa de emprego da empresa de carácter normativo e de obrigado cumprimento. c).- Retirada das denuncias efectuadas pola empresa e esquirois, froito do exercicio da Folga. Este acordo foi refrendado pol@s seis traballadores.Evidentemente, este non é o acordo que a CUT pretendía e traballou. Pero este é o acordo posible e como se ten dito, é o resultado do nivel de resposta obreira acadado. É máis; sen Folga, sen a mobilización xeral do pobo de Bueu, xamais isto sería acadado. En todo isto a CUT asumimos a nosa responsabilidade e o noso papel. Sen a mobilización e apoio da militancia da CUT, non só do Morrazo, tamén de Vigo, incluso de Compostela, non o lograríamos.A CUT, do que si non somos responsables, é da actuación sindical de outros. Durante o conflito e sobre todo na traxectoria arrastrada durante anos na empresa. Os modelos de acción sindical acaban determinando, os perfiles dos colectivos laborais e o seu comportamento. No caso de Alonso, é obvio que a mobilización externa superou con moito o grao de conciencia e participación desde dentro da fábrica. Este factor non só se explica polas mañas utilizadas desde a patronal, nin tampouco polo pánico na xente. Daqueles ventos e prácticas sindicais, agora recollemas estas tempestades de esquirois.A análise honesta en branco e negro, tamén deixou ao descuberto os aspectos positivos deste conflito e desta Folga indefinida e que rematou en vinte catro horas. @s traballador@s con dignidade, pero tamén os esquirois. A veciñanza popular de Bueu e do Morrazo, pero sobre todo a Dirección da Empresa A. Alonso, quedoulle claro que aínda sendo o sindicato minoritario na fábrica, fomos quen de plantarlle cara á patronal e de desbaratar a estratexia de liquidación planificada en base o “mando e ordeno”.A reflexión sindical é fundamental para acertar. O panexírico triunfalista nin é honesto, nin crea pedagoxía para @s afectad@s, tampouco para o conxunto da clase traballadora. Aprender, aprender e aprender.Unha galería de imaxes da Folga do día 17 en Alonso producidas polo compañeiro Xabicas pódese consultar aquí.