A CUT denunciou no seu momento que Urbaser estaba a facerse co monopolio da limpeza viaria pola porta de atrás, acaparando masivamente fondos públicos. Esta empresa, coñecida pola súa deficiente prestación do servizo público e por políticas represivas contra os dereitos laborais, contou coa pasividade e irresponsabilidade das alcaldías de Bueu, Cangas e Moaña para facerse coa súa parte do pastel.
Xa comezan a notarse os efectos da absorción monopolista que Urbaser levou a cabo da empresa Recolte, adxudicataria do contrato de limpeza viaria da Mancomunidade do Morrazo. En novembro do 2019 a CUT daba as razóns para dicir “Non á cesión do servizo de recollida de residuos a Urbaser“.
Despois deste saqueo clandestino da contrata pública comeza unha ofensiva dirixida a modificar as condicións de traballo e as licenzas dos e das traballadoras, querendo reducir a nómina do cadro de persoal. Entre os seus plans está a derrogación antes do 31 de decembro de conceptos salariais actualmente en vigor.
Así mesmo o Xefe de Servizo da contrata acaba de ser cesado baixo argumentos que o sindicato considera un “auténtico catálogo de cargos máis que sospeitosos”; denunciando que o cesamento non responde ao interese do servizo.
A denuncia que a finais de 2019 realizaba a CUT nin era gratuíta nin alarmista. Existía un coñecemento perfecto do que se estaba a tratar. Ademais Urbaser xa tivera o dominio do contrato xerando un auténtico periodo de conflito permanente pola actitude provocadora e de falta de diálogo da Dirección da Empresa, condenando ao cadro de persoal a declararse en folga para defender o convenio colectivo.
A CUT considera que as corporacións de Bueu, Cangas e Moaña son responsábeis desta situación máis que predicíbel ante o comportamento habitual da empresa, favorecendo o acceso de Urbaser ao pastel dos servizos públicos co seu silencio administrativo cómplice.