Aborto libre e gratuíto, as mulleres decidimos

88

Este sábado 28 de setembro, Día Internacional dos Dereitos Reprodutivos e Sexuais, sairá ás 17:30hs da estación de trens de Compostela, a manifestación unitaria da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, baixo o lema “Aborto legal, seguro e gratuíto”.Saiamos as rúas, compañeiras, recuperemos os espazos.Visibilicemos a nosa repulsa contra a manipulación e o adoutrinamento dos nosos corpos. Somos as mulleres das nosas vidas e temos plena soberanía sobre os nosos actos, non precisamos tutelas, nin leis, nin supostos… nas nosas decisións. Os gobernos fascistas co seu ministro ao servizo da conferencia episcopal, Alberto Ruiz Gallardón, agrídennos unha vez máis cunha nova lei en materia de aborto. Este cambio lexislativo na interrupción voluntaria do embarazo augúranos á cidadanía un retroceso nos nosos dereitos a decidir sobre a nosa maternidade, ao ter que xustificar medicamente a nosa liberdade. Conduce ás mulleres a que a nosa decisión dependa dos nosos ingresos económicos en prexuízo da nosa saúde e do inalienábel dereito a decidir sobre algo que só a nós pertence: o noso corpo. O campo onde trabamos cada día batallas contra a explotación capitalista e a orde heteropatriarcal. Ese mesmo corpo que acotío enfróntase a ansiedade e incerteza dunha (aínda maior) redución da nosa xornada e salario, ao próximo ERE, a angustia de non ver outro futuro ao remate dos estudos que a emigración ou o regreso á casa familiar. Ese campo de batalla -sobre o que pretenden decidir bispos e políticos- no que pelexamos contra a ditadura da estética, contra un modelo de amor romántico que só xera dependencia e abnegación, ou contra o controle da nosa sexualidade e a orientación do noso desexo ou identidade. Denunciamos aquí o atropelo aos dereitos democráticos que supón a exclusión das parellas lésbicas e mulleres sen parella á reprodución asistida na sanidade pública, unha clara manobra mais da ultradereita católica española para instaurar o seu estreito modelo de familia. Nós apostamos polas políticas preventivas, sexuais e afectivas… e non por criminalizar as mulleres. Como reclamamos dende a Plataforma: Defendamos o dereito das mulleres ao seu corpo e esixamos ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesible.

No meu útero mando eu! Nin o estado nin a igrexa!Se a maternidade non é libre, é imposta!