A Central Unitaria de Traballadoras, diante do xuízo que se celebrará na Audiencia Nacional os vindeiros 19, 20 e 21 de outubro no marco das Operacións Jaro I e II, quere amosar a súa solidariedade coas 12 independentistas encausadas e as organizacións Causa Galiza e Ceivar.
A Central nega, outra volta, a lexitimidade do Tribunal de excepción español, herdeiro directo do franquista Tribunal de Orde Pública (TOP), co que o Estado decidiu manter unha xurisdición próxima e amábel para a xestión paraxudicial da represión política.
O delito de enaltecemento do terrorismo que se lles atribúe ás procesadas supón a máxima expresión da persecución xudicial da opinión disidente, sen que ningunha demócrata poida manterse calada fronte a tal saqueo dos dereitos fundamentais da cidadanía.
Este tipo de montaxes xurídico-policiais ás que estamos acostumadas teñen como obxectivo amedrentar a todas aquelas que poñen as mans na construción dun país libre de explotación, opresión colonial e patriarcal; instalarnos na parálise e colocarnos no punto de mira da sociedade desde os medios de comunicación do sistema, propagando a criminalización de ideas e militancias.
Unímonos ás voces que piden a absolución para as encausadas, na defensa dos nosos dereitos e liberdades.
Abonda xa de xuízos políticos!