O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, é un mentiroso compulsivo. Unha vez máis pretende facernos pasar por parvos dicindo que recorrer a sentenza do xulgado contencioso de Vigo non é unha decisión política senón xurídica. Imos por partes.
O 6 de febreiro, o goberno de Abel Caballero aproba o decreto que suspendía os descansos do persoal e obrigaba aos bombeiros a realizar horas extra. Esta foi a decisión política que adoptou o goberno municipal para cubrir os mínimos de persoal esixidos. Podía ter tomado outras decisións políticas, como incrementar a plantilla de traballadores, pero non, porque a súa política é prender luces para cegarnos, e as facturas páganse recortando servizos públicos.
Desde a CUT preguntámonos como foi que aquí a asesoría xurídica do Concello non estudou o alcance do decreto e a súa posíble vulneración de dereitos fundamentais. Non o fixo porque foi unha decisión política.
O xulgado de Vigo mencionado anula este decreto aclarando na sentenza que:
- Vulnera o Estatuto Básico do Empregado público e a Lei de Emprego Público
- Vulnera a Directiva Europea do tempo de traballo
- Vulnera a Lei de Prevención de Riscos Laborais indo contra o informe dos mesmos técnicos do Concello
- Vulnera a normativa interna do Concello
- Vulnera o Estatuto das Traballadoras
- Vulnera o principio constitucional do dereito ao descanso
Que os servizos xurídicos do Concello de Vigo estean a estudar recorrer esta sentenza implica que:
- O goberno do Concello ordeou que busquen como recorrelo para poder seguir explotando aos traballadores, e isto é unha decisión política.
- O goberno do Concello fai oídos xordos á contundencia da sentenza sen escrúpulos. Prefiren seguir explotando aos traballadores para non ter que investir nos servizos públicos.
O Alcalde Abel Caballero é o responsable directo desta explotación, el é quen toma as decisións (todas) neste goberno de palmeiros e polo tanto a súa decisión política é buscar calquera posibilidade legal para non mudar a súa política, demorar as cousas no tempo e, se saen mal, dirá que el nada tivo que ver, que foron os servizos xurídicos. Seica a asesoría xurídica é totalmente independente e non recibe ordes de ninguén.
Caballero, é vostede un mentiroso. A nós non nos cega a luz.
Sección Sindical Bombeiros de Vigo