O estado das instalacións dos centros de ensino público en Galicia é unha preocupación recorrente para o profesorado. O caso do IES Fernando Blanco de Cee, denunciado recentemente polo propio claustro a través dun manifesto público, é un exemplo máis dun problema estrutural que se repite en numerosos centros do país: a falta de investimento, mantemento e planificación por parte da Administración educativa.
Un centro histórico en situación de risco
O IES Fernando Blanco de Cee, unha institución emblemática da Costa da Morte que en 2026 cumprirá 140 anos, atópase nunha situación que o propio profesorado cualifica de “perigo real” para alumnado e traballadores/as.
Segundo o manifesto asinado pola maioría do claustro, o centro presenta graves deficiencias estruturais e de seguridade que levan anos sendo comunicadas á Consellería de Educación sen resposta efectiva.
Entre os problemas denunciados destacan:
- Filtracións de auga nos tellados, que chegan ás aulas e obrigan a impartir clase con caldeiros no chan, provocando xa accidentes.
- Estruturas deterioradas e materiais perigosos, como cubertas oxidadas con placas de uralita.
- Deficiencias graves no sistema eléctrico, especialmente no taller de Automoción, con cortes frecuentes de subministración.
- Falta de climatización axeitada, cun sistema obsoleto e incapaz de garantir condicións mínimas de confort térmico.
- Masificación de aulas e incumprimento da normativa, incluíndo espazos de Educación Física e a falta de vestiarios adecuados.
- Unha praza de conserxaría sen cubrir desde hai máis dun curso, nun centro que require dous postos para funcionar con seguridade.
- Graves riscos viarios nos accesos ao centro, pola ausencia de sinalización e o exceso de velocidade do tráfico.
Un problema xeral no ensino público
Desde a CUT-Ensino queremos subliñar que o que ocorre no IES Fernando Blanco non é un caso illado. De forma constante recibimos avisos de docentes de toda Galicia alertando sobre:
- centros con humidades persistentes,
- instalacións eléctricas obsoletas,
- sistemas de calefacción ineficientes,
- patios e cubertas en mal estado,
- e espazos educativos que non cumpren os mínimos de seguridade nin de dignidade laboral.
CUT Galiza – CIFP Manuel Antonio (Vigo): risco na saúde e na educación
CUT Galiza – Obras nos centros públicos de ensino: cando a planificación chega tarde e mal
Esta situación evidencia un abandono progresivo do ensino público, no que a Administración actúa só de maneira reactiva, cando xa existen riscos evidentes ou presión mediática, en lugar de aplicar plans de mantemento e investimento a medio e longo prazo.
A seguridade e a dignidade non son negociables
O profesorado do IES Fernando Blanco négase a normalizar esta situación, e desde o sindicato compartimos plenamente esa postura. Non se pode falar de calidade educativa mentres se poñen en risco a seguridade e a saúde da comunidade educativa.
A defensa do ensino público pasa tamén por garantir:
- instalacións seguras e adaptadas ao século XXI,
- condicións laborais dignas para o persoal,
- e espazos educativos axeitados para a aprendizaxe do alumnado.
Exiximos responsabilidades e actuacións urxentes
Desde a CUT esiximos ás administracións competentes que asuman a súa responsabilidade e actúen de maneira urxente, planificada e con recursos suficientes para solucionar estas deficiencias, tanto no IES Fernando Blanco como no conxunto dos centros públicos galegos.
Seguiremos dando voz ao profesorado que denuncia estas situacións e reclamando un ensino público seguro, digno e de calidade para todas e todos.












