A Xunta quere acabar co programa ARCO

207

No Proxecto de Orzamentos para o ano 2022 a Xunta de Galicia expón:

“A iniciativa ARCO (accións de apoio, reforzo de competencias e orientación) como instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan organizar os recursos de forma que se facilite ao alumnado o logro dos obxectivos e a consecución das competencias clave, cun enfoque globalizado e interdisciplinar por medio de continuos procesos de mellora favorecendo o máximo desenvolvemento das capacidades, a formación integral e a igualdade de oportunidades. Esta iniciativa pretende mellorar o rendemento do alumnado favorecendo a promoción de curso e a titulación e reducindo o abandono escolar temperán, asegurando así que ningún alumno/a abandone o sistema educativo sen obter unha titulación que lle permita o acceso a estudos superiores ou a inserción no mundo laboral.”

Consideramos que é necesario resaltar:

“Esta iniciativa pretende mellorar o rendemento do alumnado favorecendo a promoción de curso e a titulación e reducindo o abandono escolar temperán, asegurando así que ningún alumno/a abandone o sistema educativo sen obter unha titulación que lle permita o acceso a estudos superiores ou a inserción no mundo laboral.”

Efectivamente así acontece. As compañeiras do programa ARCO, que neste primeiro trimestre están apoiando ao alumnado e ao profesorado deste país, están a facer un labor imprescindible. Entón, por que o goberno de Feijóo quere cancelar o programa o próximo mes? Pois porque non lle importa para nada o alumnado da escola pública. E menos aínda, o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo; o alumnado máis vulnerable.

A Inspección Educativa anda a recoller datos polos centros educativos. A satisfacción co traballo das nosas compañeiras é unánime, pero aínda así, van cancelar o programa porque din que non hai cartos.

Nós pensamos que si, que hai cartos, pero que queren desvialos a outras cousas. E cremos que temos razón. Porque ao mesmo tempo que a Consellería anuncia o cese do programa ARCO nos centros públicos, comunica a resolución provisional das solicitudes de axudas a centros privados concertados. O 22 de novembro daba a coñecer parte das posibles axudas á concertada para atención a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2021/ 2022.

Os cartos para os centros privados concertados non paran de medrar! A estratexia é clara: diminuír todo o posible o apoio ao ensino público. Que a súa calidade caia nas costas das súas docentes.

Pero isto ímolo parar!! Porque a escola pública é a escola de todas. Porque despois de tantos anos de goberno tratando de acabar con ela, a súa calidade segue a ser incuestionable.