A Xunta de Galiza pon en risco os servizos públicos para impedir a folga do 8M

787

A Admistración Galega publicou instrucións de servizos mínimos de ata o 100% esta mañá, tentando evitar a impugnación xudicial. Isto provocará que as traballadoras non poidan recibir as notificación individuais de mínimos.

Na mañá deste venres, 5 de marzo, o goberno galego publicou os servizos mínimos previstos cara o 8M, día de folga feminista. Este ano, non só volven ser un servizos mínimos abusivos, senón que tamén son emitidos sen ningún tipo de marxe para que a nosa central sindical poida acudir aos xulgados para impugnalos e, ao mesmo tempo, sen tempo para notificar correctamente ás traballadoras. Esta decisión da Xunta ataca o noso dereito á folga como traballadoras e, ao mesmo tempo, coloca en risco os servizos públicos.

Por isto, dende a CUT dirixímonos ás traballadoras para lembrarlles que só están obrigadas a acudir ao traballo o 8 de marzo se reciben unha notificación individualizada, por escrito e fidedigna de estar en servizos minimos. Non son legais o uso doutros métodos, como publicalos nos taboleiros dos organismos, mandar e-mails xenéricos que as traballadoras non están obrigadas a recibir, ou tentar notificalos en fin de semana, durante o tempo de desconexión de moitas traballadoras das administracións galegas. As traballadoras non imos permitir que o Goberno galego trate de agochar o seu boicot á folga feminista asumindo, coas nosas vidas e a conta dos nosos dereitos, esta mala e perversa xestión. “Nunca debemos agochar o maltrato sexa familiar, laboral ou institucional”, apuntan dende a Secretaría das Mulleres da CUT que lamentan “as suxas estratexias” do Goberno galego.

A Xunta de Galiza vén de demostrar que a súa vontade de destruír os nosos dereitos está por riba da necesidade de garantir a atención esencial e urxente á nosa xente. “Non é a folga nin as manifestacións, senón eles, o auténtico problema de xestión da saúde pública”, destacan dende a central sindical.