Segundo datos achegados por un estudo realizado polos sindicatos da mesa sectorial, a Consellería de Educación vai realizar un recorte na plantilla de profesorado próximo ao 10% con respecto ao curso 2019/20. Todo un fito para este goberno, recortar cando máis cartos ten. As escusas de falta de cartos xa non teñen cabida.
Nun momento no que os problemas de orzamento non son problema, Feijóo está a mostrar a súa verdadeira cara: o seu obxectivo é liquidar os servizos públicos, o ensino entre eles.
As súas manifestacións no inicio da pandemia sorprenderan cando expresou a súa vontade de utilizar o orzamento extraordinario COVID de educación para outros fins. Uns 200 millóns de euros que non quería empregar na educación, quería utilizalos en cousas máis produtivas, supoñemos que entregalo a calquera dos seus amigos empresarios que saquean de forma sistemática os recursos públicos.
Canto tempo máis temos que aturar a este personaxe? Pois polo menos tres anos máis. Unha parte importante do pobo galego ten a súa vontade secuestrada por este encantador de serpes, a democracia burguesa permite estas cousas, quen máis te prexudica perpetuarase no poder grazas aos de medios de comunicación afíns que presentan a este miserable señor como o “Gran xestor”. Está a xestionar o carto público para encher os petos dos inimigos do pobo galego. Mesmo é quen de sucederse a si mesmo, acubillado coas gabanzas da prensa nutrida con fondos públicos.
Por iso exhortamos a toda a sociedade galega, en especial á comunidade educativa a dar a batalla na rúa. Se Feijóo mantén o seu plan de recortes, este setembro comezará o curso cunha folga indefinida por parte do profesorado, non podemos quedar de brazos cruzados.
O ensino é de todas, defendámolo!