A piques de publicarse o baremo provisional do concurso de méritos, a CUT volve denunciar o insuficiente número de prazas ofertadas incumprindo a Lei e agora un novo e grotesco capítulo no maltrato continuado ao profesorado temporal.
Segundo informacións do sindicato maioritario, a pasada semana a Xunta deu a coñecer unha listaxe de “erros” na AUTObaremación dos aspirantes no concurso de méritos co que decide, máis alá de aclarar actuacións concretas, tomar 3 posturas sobre asuntos non incluídos nas bases:
A primeira é corrixir algúns deles facendo unha reinterpretación novidosa das mesmas con tal fin (Orientación Primaria, Prácticas e actividades). A Xunta decide a estas alturas que nestas especialidades alegais por ela creadas, o tempo traballado só contará na lista de orixe (e única na que poden consolidar) só dende que consolidasen nela, aínda que teñan anos de experiencia acumulados na súa lista habitual.
A CUT está á espera de xuízo no TSXG contra este proceso por insuficiente no número de prazas ofertadas e a negación á estabilización de certos colectivos alegais nos seus postos. Un problema creado pola Consellería que agora se ve agravado para estas traballadoras ao valorarse ao 50% o tempo traballado nelas.
A segunda é declarar vinculante a autobaremación negando a opción de corrixir á alza a puntuación total do baremo no período de reclamacións provisionais, sen ter mediado mecanismos de protección previos ou de consulta efectivos por parte da Consellería. A CUT recomendou enviar un formulario de consulta a persoal no que se transmitía a responsabilidade á administración na súa resposta ante unha autobaremación cunha bases confusas, que na maioría dos casos resultou ser: “consulte as bases da convocatoria”. Para máis permite corrixir nos diferentes epígrafes pero non no total, algo a todas luces incongruente e que fará que a puntuación por apartados non coincida co total.
A terceira das manobras anunciadas inclúe novamente negar a experiencia docente ao profesorado do corpo de Profesorado que exerceu no corpo de Catedráticos de Música. Esta práctica permitiu que o profesorado exercese uns anos no corpo de Catedráticos de forma “alegal” e propiciada pola propia Consellería ata a sentenza do TSXG. O tempo traballado non vai ser computado no seu corpo de orixe prexudicando a un persoal que optou ás prazas que legalmente estableceu a Xunta no seu día en comisión de servizos, pero sen abandonar o seu corpo de orixe como Profesorado.
Estes tres aspectos NON FIGURAN NAS BASES DA CONVOCATORIA, e van derivar en reclamacións xudiciais do profesorado afectado, trasladando novamente un malfacer da Xunta de Galicia aos petos do profesorado na loita polos seus dereitos laborais.
A situación das cátedras de conservatorio, Prácticas e Actividades e Orientación Primaria veñen de anos atrás e non é algo que sexa improvisable a estas alturas, cambiando as regras do xogo para as afectadas por unha especialidades creadas e manipuladas pola Xunta para os seus intereses propagandísticos e de xestión diferenciada. A Consellería ten que dar unha saída a estas traballadoras cos mesmo dereitos de acceso á súa consolidación que o resto de docentes, algo que está a negar valorando o seu traballo ao 50%.
Dende a CUT pedimos solucións e garantías para todas as traballadoras en abuso de temporalidade con situacións diversas pero sempre traballando ao abeiro do establecido pola Consellería. Ela é a responsable da súa situación alegal e ela é quen debe atopar a vía da consolidación das súas traballadoras, sen deixar a niguén atra? e cumprindo a normativa vixente.